CULTURA

A Real Filharmonía e os Monicreques de Kukas presentan "O castelo da Rocha Vella"

22/10/2009 O sábado 24 de outubro, o Auditorio de Galicia acollerá un concerto especial, O castelo da Rocha Vella, pensado para as familias e grazas ao cal os nenos poderán descubrir a historia de Santiago dun xeito diferente. A idea xurdiu da necesidade de contar ás novas xeracións de Compostela a historia da súa cidade dunha forma amena á vez que eficiente.

O proxecto contou coa axuda de dous ilustres composteláns. Dunha banda, o doutor Luciano García Alén escribiu un conto ambientado na fortaleza medieval da Rocha Vella protagonizado por tres animais e, doutra banda, o músico Amador Santos Bartolomé compuxo a melodía do concerto a partir do texto.

Luciano García Alén é un recoñecido médico compostelán, xa retirado, que destaca tamén pola súa faceta etnógrafa. Como curiosidade, o conto de García Alén sobre o castelo da Rocha conta co seu propio monumento na praza do mesmo barrio no que se atopa o xacemento. Trátase dunha escultura de Xexu inaugurada en 2006 con motivo dos actos de homenaxe a García Alén.

Amador Santos Bartolomé foi director da banda durante de 40 anos, dende 1967, labor que compaxinou coa docencia musical. Compostelán de adopción, durante eses anos, ademais de dirixir a banda, Santos Bartolomé exerceu un recoñecido labor como compositor. Deste traballo quedan numerosas pezas que teñen como referencia a Compostela, tales como "Tambre", "Ao pé da Berenguela"e "Antealtares".

O xacemento arqueolóxico
O castelo da Rocha é a principal mostra de arquitectura militar medieval en Santiago. Un edificio que foi protagonista dos principais fitos da historia compostelá dos séculos medievais. De feito, o castelo foi destruído logo dunha das coñecidas revoltas irmandiñas. O castelo, símbolo do poder señorial dos arcebispos de Santiago, atópase neste momento en fase de investigación arqueolóxica, e ademais están sendo obxecto de traballos de consolidación por parte do Concello.

Pola súa parte, o Consorcio de Santiago ten integrado nos seus plans plurianuais o proxecto de posta en valor do xacemento que, segundo os arqueólogos da USC, podería ser o principal expoñente de arquitectura militar gótica en Galicia. O Castelo da Rocha foi construído a mediados do século XIII na época do arcebispo Juan Arias.

O concerto
O castelo da Rocha Vella é un espectáculo musical pensado para que os rapaces aprendan a ciencia da arqueoloxía e coñezan os instrumentos que forman unha orquestra. A iniciativa enmárcase no ciclo de concertos didácticos que cada ano a Real Filharmonía e a Concellaría de Cultura organizan no Auditorio de Galicia e que permiten que máis de 7.000 estudantes de toda Galicia se aproximen ao mundo da música clásica e ao traballo cotián dunha orquestra. Precisamente, èm]O castelo da Rocha Vella estase a representar estes días, e de forma previa ao concerto familiar, no marco destes concertos pedagóxicos.

Deste xeito, a Real Filharmonía de Galicia e os Monicreques de Kukas presentan unha historia máxica e apaixonante ao redor da fortaleza medieval da Rocha Vella. As aventuras de tres amigos, un can, unha toupa e un corvo que nos descobren a historia de Compostela, do Camiño de Santiago e as lendas do Castelo da Rocha Vella.

O prezo das entradas é de 4 euros, pero os menores de 16 anos só pagan 1 euro.

Compartir: