EMPREGO

Sae á rúa o segundo número de "Máiscompostela", un boletín de ofertas de emprego gratuíto editado por Promoción Económica

20/10/2009 O segundo número do Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela, editado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, estase a distribuír de balde en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, servizos administrativos (oficina DNI, etc.), centros socioculturais, oficinas municipais de información á cidadanía, bibliotecas, etc. Esta publicación ten unha tirada de 1.000 exemplares.

O boletín contén nas súas oito páxinas unha media de 170 ofertas de emprego e formación. Impreso a unha soia tinta, cambiando a cor en cada tirada, sae á rúa todos os martes e xoves da semana. O seu obxectivo é achegar as persoas demandantes de emprego ao mundo laboral, facilitándolles o contacto coas empresas e institucións que ofrecen traballo e distintas accións formativas.

Coa publicación deste boletín, que tamén se pode consultar na páxina web de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, a Concellaría cobre unha demanda que existe neste momento: mellorar as expectativas de empregabilidade das persoas que buscan traballo, orientándoas no coñecemento da realidade laboral. Máiscompostela contén unha selección do total de ofertas de emprego, ofertas formativas e becas de distintos organismos e entidades de carácter público de Galicia e do resto do Estado, que se difunden a través da prensa escrita, portais de emprego e publicacións oficiais. Estas ofertas están estruturadas por ámbitos xeográfico para facilitar a búsqueda: comarca de Compostela e poboacións próximas, Galicia, Estado, e ofertas internacionais.

O boletín Máiscompostela enmárcase nas accións de orientación e intermediación laboral promovidas no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, asinado o pasado 1 de abril entre a Concellaría de Promoción Económica e Emprego e outras seis entidades vinculadas ao mercado laboral.

Compartir: