XUNTA DE GOBERNO

O Concello solicita á Consellería de Facenda o pago das contías pendentes en aplicación do Estatuto da Capitalidade

20/10/2009 A Xunta de Goberno acordou solicitar á Consellería de Facenda o pago de cantidades pendentes de 2009 en virtude do Estatuto da Capitalidade. Na mesma sesión tamén se aprobaron diversas axudas para a rehabilitación de vivendas e locais do casco histórico e reaxustouse o orzamento da obra de reurbanización da avenida de Castelao.

O Concello solicita á Consellería de Facenda da Xunta o pago do resto da achega económica consignada nos orzamentos do ano 2009 a favor do Concello correspondente ao financiamento previsto no exercicio 2009 en virtude do Estatuto de Capitalidade. En concreto, demándase que os pagos se realicen do seguinte xeito: 1.192.500 euros antes do 30 de novembro de 2009 e 1.192.500 euros antes do 20 de decembro de 2009.

Rehabilitación
En materia de Rehabilitación aprobáronse varias axudas para vivendas e locais do Casco Histórico. Trátase de tres axudas definitivas para locais comerciais por importe de 20.540 euros; 4 axudas para elementos especiais de madeira por 10.233euros; a solicitude do pagamento de axudas para elementos especiais de madeira para 8 vivendas por 28.334 euros; unha axuda para o mantemento de edificios por 1.459 euros; 14 axudas definitivas para vivendas dentro da 9ª fase do convenio entre a Consellería de Vivenda, o Ministerio de Vivenda e o Concello por importe de 115.868 euros; e 3 axudas definitivas para vivendas dentro da 8ª fase do devandito convenio por importe de 20.288 euros.

Tamén no ámbito desta Concellería, deuse o visto bo á modificación dos pregos de cláusulas administrativas que rexen as licitacións das obras de reurbanización do Campo e Costa do Cruceiro do Gaio e das obras de reurbanización da rúa San Clemente (2º tramo da rúa Raxoi). Elimínase a esixencia como requisito mínimo de solvencia de estar en posesión dos certificados ISO 14001:2004 e ISO 9001:2000, e ábrese un novo prazo para a presentación de ofertas.

Infraestruturas
A propósito dunha das obras contidas no convenio coa antiga Consellería de Política Territorial para actuacións en diversos accesos urbanos á cidade, a da avenida de Castelao, acordouse o reaxuste das anualidades como consecuencia da baixa no prazo de execución por parte do adxudicatario. Así, pásase de 940.000 euros en 2009 e 2.171.999 en 2010 a 580.232 euros en 2009 e 1.739.768 euros en 2010.

Outra obra, a de reforzo do firme nas vías públicas de Formarís-Igrexa-Gunin (Enfesta), foi adxudicada provisionalmente por 74.296 euros máis IVE. Esta actuación está incluída no Plan de Obras da Deputación Provincial da Coruña.

Educación
En Educación, aprobáronse as subvencións destinadas ao fomento de actividades educativas correspondentes a 2009. Asignáronse 24.500 euros, dos que se beneficiarán 43 asociacións.

Ademais, iniciouse o expediente de contratación do subministro de instrumentos para a Escola Municipal de Música, cun tipo de licitación de 37.241 euros. Vanse adquirir, violoncellos, violíns, contrabaixos, mesas de sons, proxectores, micrófonos, metrónomos, atrís, amplificadores, timbais, castañolas, triángulos, pandeiretas, claves, baterías, liras, acordeóns, pianos, saxofóns, frautas, trompas, trombóns, etc.

Seguridade Cidadá
Finalmente, aprobouse o Plan de Continxencia fronte á Pandemia de Gripe A para o Concello de Santiago e os seus protocolos. Tamén se crea unha comisión de seguimento e coordinación do mesmo.

Este Plan de Continxencia ten por obxectivo preparar a resposta do Concello fronte á posible pandemia de gripe A, reducindo a vulnerabilidade dos servizos públicos municipais esenciais e permitindo a continuidade na prestación dos servizos, así como a protección da saúde dos empregados e empregadas municipais.

Documentos relacionados



Compartir: