CURTOCIRCUÍTO

O filme británico "Rabbit Punch" gaña o gran premio internacional de Curtocircuíto

17/10/2009 Unha gala puxo fin á sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. O Gran Premio Internacional foi para o filme de animación británico Rabbit Punch, de Kristian Andrews.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a gala de clausura de Curtocircuíto, un festival que permitiu ver durante unha semana 125 curtas de 94 países. Despois da entrega de premios proxectáronse as curtas gañadoras en cada unha das categorías.

Ademais, do Gran Premio Internacional para Rabbit Punch, destacou a presenza no palmarés da curta galega de animación The Werepig, de Samuel Ortiz, gañadora dos premios do público, do xurado novo e do premio especial do xurado na sección de curtas galegas. O primeiro premio nesta última categoría foi para X Nada, de Daniel de la Torre e Toni Veiga. Na sección de curtas españolas, o filme triunfador foi Anniversary, de Javier Sanz Fuentes e Nayra Sanz Fuentes.

No eido internacional, a película gañadora do premio especial do xurado tamén foi española: La Sortie, de Jesús Domínguez. O xurado concedeu a súa mención na categoría de filmes españois a Daniel´s Journey, de Luis Zamora Pueyo.

A sección Explora tivo como gañador ao alemán Philip Widman con Destination Finale. O premio do xurado recaeu no filme canadense Danse Macabre, de Pedro Pires. O mellor documental foi Slavar, de Hanna Heilborn e David Aronowitsch (Suecia/Dinamarca). A curta de ficción triunfadora resultou a brasileira Os sapatos de Aristey, de Luis René Guerra.

Compartir: