BENESTAR SOCIAL

Santiago de Compostela actúa contra a pobreza e polos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio

16/10/2009 O Concello de Santiago de Compostela únese este sábado, 17 de outubro, á celebración do Día internacional para a erradicación da pobreza, secundando así a convocatoria promovida polo colectivo Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU) e respaldado pola Federación Española de Municipios a través da iniciativa "Alcades en Acción Unidos contra a Pobreza"

Os concelleiros de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, e de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, quixeron deixar hoxe patente en rolda de prensa o compromiso do Concello de Santiago cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), entre eles o da erradicación da pobreza, mediante a lectura dun comunicado.

Como sinalou Mar Martín "No medio da actual desaceleración económica mundial, o mundo enfróntase a unha serie de desafíos globais tales como a crise enerxética e alimentaria, o cambio climático, as emerxencias sanitarias, e as ameazas á seguridade. Estas crises ameazan con destruír boa parte dos progresos acadados nos países en desenvolvemento cara ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, un marco acordado polos líderes mundiais no ano 2000 para reducir á metade a probreza extrema e a fame, eliminar as desigualdades de xénero, fomentar a prevención e o tratamento do SIDA, protexer o medio ambiente, lograr a educación primaria universal, mellorar a saúde, e desenvolver unha asociación entre países ricos e pobres para lograr estes obxectivos".

Santiago, como membro da organización mundial Cidades e Gobernos Locais Unidos, e os seus cidadáns únense así a millóns de persoas en todo o mundo na iniciativa "Alcaldes en acción unidos contra a pobreza" como forma de facer un chamamento e lembrar a autoridades, institucións e cidadanía en xeral a responsabilidade adquirida de cumprir as promesas feitas con todos os pobres do mundo.

Segundo lembrou o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, o Concello de Santiago está comprometido coa defensa dos máis débiles, por iso os orzamento municipais reforzan as partidas destinadas a Benestar Social, á infancia e á cooperación ao desenvolvemento.

Como sinala o documento feito público por ambos edís "o goberno municipal está decidido a contribuír a estes esforzos e, xunto coas Autoridades Locais de todo o mundo, demostrar o noso compromiso colectivo e a importancia crucial da acción local para facer fronte aos problemas mundiais, respondendo ás realidades diarias das comunidades afectadas".

Documentos relacionados



Compartir: