ALCALDÍA

O alcalde está convencido de que 2010 será un ano récord para Lavacolla

16/10/2009 Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde compostelán confirmou "os bos datos" que está a ter o aeroporto de Santiago, en referencia ao número de pasaxeiros, amosouse "convencido" de que 2010 "a pouco ben que se fagan as cousas" será un "ano récord" para Lavacolla.

Sánchez Bugallo explicou que a utilización do aeroporto en Anos Santos anteriores incrementouse nun 20%, polo que facendo unha proxección dos datos, se se mantén o actual crecemento a finais de ano que vén "situariámonos por enriba dos 2.300.000 pasaxeiros". O reto máis importante será manter os bos datos a partir de 2011.

Doutra banda, o mandatario compostelán fixo referencia aos orzamentos da Xunta, pero sen analizalos, pois "non puidemos profundizar en detalles, xa que na web da Xunta non hai máis datos que os xa publicados nos medios". Sinalou que espera que os orzamentos "cumpran os compromisos co Xacobeo, coa capitalidade e coa nosa cidade en xeral, e se non é así demandarémolo". Bugallo falou dos "dous concelleiros Grupo Municipal Popular que forman parte do Grupo Parlamentario", de quen espera que "non asinen por menos" e que como "representantes de Santiago, esixan que se manteñan todos os compromisos coa nosa cidade".

Sánchez Bugallo explicou que a sinatura do convenio da estación AVE, prevista para a tarde de hoxe, pospúxose "unha vez máis a petición da Comunidade Autónoma", quen propuxo abrir un novo período de 15 días para intentar chegar a un acordo. O alcalde lembrou que a negociación sobre a estación do AVE iniciouse en 2001, "cun goberno da mesma cor política que o actual". Considera que "non podemos reiniciar os procedementos cada vez que hai un cambio nunha institución", polo que agarda que a Xunta "acepte proseguir onde quedou no mes de xaneiro de 2009 co goberno saínte da Xunta". Fixo fincapé en que "o goberno municipal non se opón a introducir algún matiz consensuado, pero calquera negociación ten que partir do punto de acordo anterior".

Compartir: