EDUCACIÓN

Os rapaces composteláns coñecerán a maxia da robótica nunha nova edición da Semana da Ciencia

15/10/2009 Con motivo da celebración da Semana da Ciencia do 9 ao 14 de novembro, a Institución Galega da Ciencia (IGACIENCIA) e a Concellería de Educación do Concello de Santiago organizan a actividade "A maxia da robótica", que terá lugar na Casa das Asociacións, sita na antiga estación de Cornes. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou en rolda de prensa as actividades que se realizarán.

O obxectivo do obradoiro "A maxia da robótica" é participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO. De maneira sinxela e divertida o alumnado participante familiarizarase tanto cos robots como coa linguaxe da robótica. Unha actividade que é posible un ano máis como resultado da colaboración dos profesores coordinadores Inés Ben e Manuel Díaz.

Para este obradoiro non é necesario ter coñecementos en programación electrónica, xa que esta está integrada nun ladrillo intelixente e a programación realízase nun contorno visual sinxelo para que os máis pequenos poidan construír e deseñar os seus robots dando paso despois da montaxe á parte de programación.

Ao longo da experiencia, coa axuda do ordenador, deséñase a estratexia a seguir, para o que os rapaces e rapazas participantes selecionarán os bloques que desexan configurar como os motores e os movementos que queiran que faga o robot.

Destinatarios dos obradoiros
Esta proposta está dirixida aos estudantes de educación secundaria dos centros educativos de Santiago e comarca e o prazo de inscrición está aberto desde hoxe. Cada quenda terá un máximo de 40 estudantes que virán acompañados polo menos por 2 profesores ou profesoras -se o número de estudantes é moito menor, poderán coincidir simultaneamente con alumnado doutro centro-. A duración será de 2 horas.

As actividades desenvolveranse do 9 ao 13 de novembro en horario de 9.00 a 14 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Tamén haberá visitas concertadas para o público xeral de 18.30 a 19.30 horas.

Para finalizar esta intensa semana, o 14 de novembro terá lugar a entrega de premios, onde os mellores traballos serán obsequiados con material informático.

Compartir: