PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 16 de outubro é o último día para inscribirse na edición de outono do Concurso de Escaparatismo

14/10/2009 O 16 de outubro é o último día para inscribirse na Edición de Outono do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2009, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, o certame ten como obxectivo contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. Os/as comerciantes interesados poden apuntarse envíando os seus datos, (nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico –se o teñen-) ao correo electrónico escaparatismo@santiagodecompostela.gal ou ao fax 981 554 296.

As bases do concurso, que este ano destina 36.580,98 euros a premio, poden consultarse na páxina web da Concellaría dirixida por Xosé Manuel Iglesias: www.maiscompostela.org. O certame divídese en catro edicións: Primavera, Verán, Outono, e Nadal. En cada unha delas prémianse tres comercios. Na Edición de Primavera os estabelecementos premiados foron Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel; e na de Verán Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Seguridade A-1.

Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para o primeiro clasificado en cada unha das edicións, de 2.306 euros para o segundo, e de 1.682 euros para o terceiro clasificado. Inclúen anuncios en televisión, radio e prensa para o primeiro clasificado; e en radio e prensa, para o segundo e o terceiro. O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio organiza este concurso desde o ano 2004. No certame colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, a Asociación de Comerciantes do barrio de San Pedro, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego. A Edición de Outono do Concurso de Escaparatismo forma parte das accións de promoción e dinamización do sector recollidas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago.

Compartir: