MEDIO AMBIENTE

A rehabilitación dos depósitos da Almáciga estará concluída antes de finais de ano

08/10/2009 Os depósitos de auga da Almáciga son memoria viva dunha das máis importantes transformación urbana da cidade de Santiago, que agora están a ser rehabilitados dentro do marco dos fondos FIL. A concelleira do Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cienfuegos, realizou unha visita ás obras acompañada de varios técnicos de Aquagest, empresa concesionaria do subministro de auga en Compostela e encargada tamén destas melloras.

Cun orzamento de 385.366 euros os traballos que se están acometendo restaurarán toda a cuberta tanto no seu interior como no exterior. Na parte de fóra, previo apuntalamento, tense retirado a terra e realizado labores de limpeza, tratamento con morteiro e impermeabilización. Na rehabilitación interior os traballos incluíron un chorreado con area, a pasivación de armaduras e o recrecido con formigón para proceder posteriormente ao revestimento. Xa na fase final procederase a recubrir con canto rodado a cuberta exterior.

Elvira Cienfuegos indicou que "as obras rematarán en decembro deste ano, e con elas darase tamén o primeiro paso para facer visitábel o depósito e para aproveitar o antigo edificio do vixiante que poderá funcionar como sala de recepción das visitas" ademais "desde aí poderase acceder ás salas de chaves e aos corredores que en conxunto miden máis de 90 metros de longo".

A concelleira manifestou tamén que "no futuro a transformación de parte dos depósitos nun museo vivo da auga permitirá dotar de contido cultural e pór en valor unha edificación e unhas instalacións de caracter técnico e industrial" o que "permitirá recuperar unha parte fundamental da memoria da cidade, salientando a importancia da auga corrente na nosa vida diaria e no desenvolvemento urbano de Santiago" incidindo "nas mudanzas que supuxo a chegada do subministro directo de auga ás vivendas e na importancia do seu consumo responsábel".

Aproveitando esta visita lembrou tamén que "este proxecto de museo estaba inicialmente incluído no programa Urbana Santiago Norte, e foi un dos que caeu no necesario reaxuste da proposta inicial, aínda así desde o Concello continuamos a traballar para conseguir o financiamento necesario para sacalo adiante"

Uns depósitos con Historia
A principios dos anos 20 do século pasado a cidade de Santiago viviu unha importante transformación coa construción dos primeiros depósitos da Almáciga. Unha obra que foi peza clave para a mellora da calidade de vida na cidade e para o posterior desenvolvemento urbanístico da mesma. Estas instalacións recollían ate 4.000 m3 de auga e alimentábase das augas dos manantiais de Brins.

Ao tempo que se construíu o depósito, dividido en dúas cámaras, construíse tamén un edificio anexo para albergar na planta baixa a cámara de chaves e na planta alta as dependencias para o vixiante do depósito. Xa nos anos 60, co medre da cidade e o aumento das necesidades de abastecemento, construíuse un deposito novo anexo, tamén dividido en dúas cámaras, que ampliou en 11.000 m3 a capacidade de almacenamento de auga potábel procedente da ETAP do Tambre. O resultado final é unha estrutura de catro cámaras con unha capacidade de 15.000 m3 que abastece á maior parte da cidade desde o Ensanche ate as Fontiñas pasando pola Cidade Histórica.

No ano 2000, case 80 anos despois da construción das primeiras cámaras e 40 despois da súa ampliación, foron precisos uns traballos de rehabilitación das soleiras e os muros que estaban deteriorados polo seu envellecemento natural agravado por unha atmosfera agresiva polo cloro contido na auga potábel.

Agora coas actuais obras realizarase unha rehabilitación integral que permitirá resolver os problemas derivados das cubertas, que co peso da terra acumulada e coas frecuentes infiltracións de auga tíñanse agretado. Alén o uso dos cloruros no tratamento da auga tamén tiñan acelerado a corrosión do aramado do formigón.

Compartir: