PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Consorcio entrega máis de 120 libros á Casa das Asociacións

07/10/2009 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, recibiu de mans do xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva, máis de 120 libros pertencentes ás diferentes coleccións temáticas que ate hoxe ten publicado o ente interadministrativo. No acto, donáronse todas as publicacións editadas e que están agrupadas na Biblioteca Facsimilar Compostelana, na Biblioteca Científica, na Biblioteca Literaria, na de Divulgación Xacobea, na de Imaxes e na Infantil e Xuvenil.

Desde que se editara o primeiro libro por esta institución no ano 1993, son máis dun cento as edicións que teñen como referente a historia, a arte, a sociedade ou a literatura da cidade de Santiago. O que sempre se procurou desde o Departamento de Publicacións do Consorcio de Santiago é a de reforzar a presencia cultural da cidade no campo bibliográfico.

As publicacións que se entregarán á Casa das Asociacións son xa un referente de consulta dentro dos máis variados campos de investigación, así desta forma este fondo pasará a estar a disposición dos composteláns que queiran consultar unha ampla bibliografía sobre a cidade do Apóstolo.

Nestes anos, as publicacións do Consorcio conseguiron ser un referente bibliográfico para temas da cidade; autores como Ángel Valente, Uxío Novoneyra, García Bodaño, Neira de Mosquera, Gonzalo Torrente, Gerardo Diego, García Lorca ou Aurelio Aguirre forman parte do seu fondo.

Tamén no campo da divulgación e da investigación nomes como Ofelia Rey Castelao, Xoán Carmona, Manuel Núñez, Alfredo Vigo, Manuel Castiñeiras, Andrés Rosende, Miguel Taín, Fernado L. Alsina, Carlos Martí, Antonio Fraguas ou Antonio Iglesias entre outros contaron co servizo de publicacións do Consorcio para a edición dos seus estudos máis recentes.

Unha das bibliotecas que merece unha atención especial é a adicada ao público máis novo; deste xeito o Consorcio ideou a súa biblioteca Infantil e Xuvenil, que en pouco tempo acadou un éxito notable ao editar as coleccións de Sar e Sarela, a de Branco de Cores e a serie de biografías de personaxes históricos da cidade. A eles sumouse hai pouco os tres primeiros Musicontos, editados en colaboración coa editorial Galaxia, con textos do escritor Neira Cruz e con música da Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: