CONSORCIO

Comezan as obras da nova sede do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias"

06/10/2009 Coa construción do edificio que albergará os fondos do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, o Consorcio de Santiago contará cun novo edificio emblemático, asumindo a construción, execución e financiamento das novas instalacións. O conxunto do proxecto suporá unha inversión total de 3.909.280 euros. Pola súa parte será a propia Universidade a que xestionará o Museo, financiando o proxecto encargado ao arquitecto César Portela.

O Museo estará rematados nun prazo de 16 meses. O edificio levantarase no interior da Finca de Vista Alegre, onde xa se atopan outros equipamentos culturais e universitarios como a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Centro de Estudos Avanzados e o edificio da Sociedade Xeral de Autores.

O proxecto de construción parte da profunda relación do edificio co conxunto urbanístico no que se inserta dentro do parque de Vista Alegre. Isto quere dicir, en opinión do arquitecto César Portela, que o novo Museo non se pode concibir ao marxe da súa ubicación nin do seu emprazamento.

Polo que respecta aos aspectos construtivos, cómpre sinalar que a disposición do Museo en soto, planta baixa, planta primeira, planta segunda e planta terceira e o tamaño de cada unha delas, así como a disposición central do acceso principal, permitirán organizar en catro áreas autónomas as principais seccións do Museo: Zooloxía, Botánica, Xeoloxía e colección de Dioramas.

Os almacéns aloxaranse na planta soto, ben conectados ao exterior por rampla de acceso de vehículos e a cada unha das áreas das que consta o Museo. A sala de exposicións temporais situarase en planta soto; o Museo Virtual, en planta baixa; e a sala de reunións e a administración na primeira planta. A Biblioteca do Museo estará situada na última planta.

O aspecto formal do edificio semella unha serie de cubos que se agrupan e dilúen coma se o Museo fose un animal vivo que se despraza sobre mil patas, encolléndose e estirándose, en opinión de César Portela. A superficie total é de 4.252 metros construídos.

Os fondos do Museo
Na actualidade, os fondos da colección permanecen no soto da Facultade de Química, dispoñendo dunha superficie expositiva de 750 metros cadrados; un espazo claramente insuficiente para o volume dos fondos existentes. O Museo de Historia Natural Luís Iglesias constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, sendo continuador do Gabinete de Historia Natural, creado por Antonio Casares na Universidade de Compostela durante o curso 1840-41.

Todo este patrimonio fixo do Museo de Historia Natural un escaparate do mundo natural, en xeral, e da ciencia galega en particular. A través das súas coleccións podemos facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos séculos XIX e XX.

Deste xeito, o novo edificio servirá para amosar o destacado lugar que a Ciencia ocupa na cidade de Santiago, pois coa escaseza dun local axeitado nestes momentos para o propio Museo, os cidadáns non poden coñecer máis da metade do valioso patrimonio científico que o Museo atesoura. Isto, unido á calidade e cantidade dos fondos universitarios, permitirá o establecemento dun centro de referencia no que respecta ao patrimonio científico, insubstituíble e específico, xa que recolle o que foron os resultados da ciencia concreta que se realizaba dentro e fora de Galicia a través de científicos galegos. Un valor que se complementa co labor que se desenvolve no centro, grazas á continua achega de materiais procedentes da investigación científica.

O Museo de Historia Natural conta cunha das maiores coleccións privadas de Europa, formada por máis de 25.000 lotes e 250.000 exemplares de moluscos, doazón recentemente realizada por Emilio Rolán. Nacido cunha vocación claramente didáctica e investigadora, polo centro pasan máis de 20.000 estudantes de todos os niveis do ensino ao longo do curso académico.

Compartir: