XUNTA DE GOBERNO

Nova rúas Xoán Paulo II, Manuel Beiras, María Miramontes, Voces Ceibes, Vicente Risco e Victoria Kent

06/10/2009 A proposta da Alcaldía, a Xunta de Goberno acordou nomear como avenida de Xoán Paulo II a rúa comprendida entre a avenida do Camiño Francés e a avenida de Asturias. Nesta mesma zona haberá outras dúas rúas con nova denominación: Vicente Risco e Victoria Kent. Tamén se lles dá o nome de rúas Manuel Beiras, María Miramontes e Voces Ceibes a tres vieiros en Cornes.

A rúa Xoán Paulo II dará nome a un vieiro comprendido entre a avenida do Camiño Francés e a avenida de Asturias, no ámbito do SUNP-4. Nesta mesma zona estarán as rúas de Vicente Risco e de Victoria Kent. Noutro ámbito, o do SUP-2 de Cornes, dáselles nome a tres rúas: Manuel Beiras, María Miramontes e Voces Ceibes.

Xoán Paulo II
Xoán Paulo II (Karol Wojtila) nacera en Polonia no ano 1920. Cando tiña 9 anos recibe o duro golpe da morte da súa nai. Anos máis tarde morrerían tamén o seu irmán e o seu pai. Cursou estudios de filoloxía e lingüística e o seu encontro co Cardeal Sapieha durante unha visita pastoral faille considerar seriamente a posibilidade de seguir a súa vocación relixiosa. Foi ordenado sacerdote o 1 de novembro de 1946 cando tiña 26 anos. En 1958 é designado bispo auxiliar de Cracovia, cardeal en 1967 e en 1978, á morte do cardeal Albino Luciani (Xoán Paulo I), é elixido Papa co nome de Xoán Paulo II.

Vicente Risco
Escritor en lingua galega e castelá, Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) é un dos representantes da prosa galega moderna. Fundou a revista Nós en 1920, que orientou a vida cultural galega ata 1936. Dos seus ensaios sobre historia, política e cultura galegas, cabe mencionar Teoría del nacionalismo gallego, El problema político de Galicia e a súa Historia de Galicia. Da súa obra narrativa en lingua galega sobresaen novelas coma O porco de pé e en castelán La puerta de paja.

Victoria Kent
Victoria Kent (Málaga, 1898-1987) foi avogada e deputada polo Partido Radical Socialista. Converteuse en 1930 na primeira muller que actuaba ante o Tribunal Supremo da Guerra e Mariña no mundo. Foi nomeada directora xeral de prisións. Como membro do partido Radical Socialista foi asignada candidata ás Cortes por Madrid, e resultou elixida deputada xunto con Clara Campoamor, das Cortes Constituíntes de 1931.

Manuel Beiras
Comerciante compostelán, Manuel Beiras (Santiago, 1904-1996) militou no Partido Galeguista nos anos da República, e foi concelleiro de Cultura do Concello de Santiago na primeira corporación democrática. Mantivo durante o franquismo un compromiso activo na defensa da cultura galega.

María Miramontes
María Miramontes foi membro da sección feminina das Irmandades da Fala. Estivo na súa Xunta Directiva. Casou con Ánxel Casal en setembro de 1920. Colaborou e participou xunto co seu home en iniciativas múltiples: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino en galego e laica inspirada na Institución Libre de Ensinanza. Tamén participou activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se referendou o 26 de xuño de 1936. Asasinado Anxel Casal no mes de novembro de 1936, como outras moitas mulleres embarca rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Morre no exilio o 17 de setembro de 1964.

Voces Ceibes
Voces Ceibes foi un colectivo cultural musical galego que deu un importante pulo á dignificación e normalización da lingua galega como vehículo musical e da cultura galega en xeral. En abril do 2008 celebrouse o 40 aniversario dos primeiros recitais que deron en Santiago.

Compartir: