PROMOCIÓN ECONÓMICA

As empresas de Santiago contarán cun espazo promocional gratuíto na Xornada Emprende en Compostela

01/10/2009 A IV Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 27 de outubro no Pazo de Congresos e Exposicións, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e por Bic Galicia, contará cun espazo de promoción gratuíto para as empresas de Santiago. Neste espazo poden informar ás persoas e entidades que asistan ao encontro, sobre os servizos e produtos que ofrecen, a través de folletos publicitarios ou outro tipo de publicacións.

As empresas ou entidades participantes teñen a opción de asistir, sen custe algún (dúas persoas por entidade e/ou empresa) ao xantar de traballo da Rede de Cooperación Local, un programa que ten como finalidade favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC. Esta comida-encontro está destinada a entidades ou empresas que colaboren ou sexan usuarias dalgún dos servizos da Concellaría de Promoción Económica e Emprego ou dos viveiros de empresas da Cámara de Comercio e da USC.

O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa, que depende do Servizo de Apoio á Empresa que presta a Concellería, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Está dirixida a persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos, ás que acaban de montar un negocio, e ás empresas que necesiten dun espazo para promocionar os seus servizos e produtos. A asistencia é de balde.

Promoción Económica habilitou, a través da súa páxina web www.maiscompostela.org, dous formularios de inscrición: un para as persoas interesadas en asistir (Inscrición IV Xornada Emprende en Compostela) e outro para as empresas que desexen promocionarse (inscrición empresas en espazo promocional). Neste último formulario tamén hai a opción de apuntarse para asistir aos diferentes relatorios e obradoiros programados.

Baixo a denominación Estratexias para o emprendemento en tempos de crise, o programa de actividades está concibido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas inscritas poderán participar en distintos obradoiros para o emprendemento; e coñecer as novas axudas e estratexias para montar un negocio en tempos de crise, distintas iniciativas de cooperación empresarial, e a experiencia de novas empresas.

Documentos relacionados



Compartir: