CULTURA

Galicreques 2009 dedica o seu programa aos países iberoamericanos

01/10/2009 Do 2 ao 11 de outubro, diversos espazos da cidade darán acollida ás múltiples actividades que propón o programa do XIV Festival Internacional de Títeres Galicreques. Esta edición está especialmente dedicada a todo o traballo arredor dos monicreques dos países iberoamericanos.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do festival, Jorge Rey, presentaron aos medios de comunicación a programación do festival. Ata vinte e dúas compañías de teatro de monicreques, entre as que se atopan tres grupos galegos, actuarán en Compostela no primeiro terzo deste mes de outubro.

As representacións desta edición do Festival Internacional de Títeres terán lugar maioritariamente no Teatro Principal e en Arteria Noroeste, pero tamén se achegarán ás diversas prazas de Compostela -Toural, Praterías, Roxa- e aos Centros Socioculturais do rural. Este evento, que alcanza este outubro a súa edición catorce, foi definido pola edil como "unha cita consolidada" e identitaria do outono cultural compostelán.

Ademais do intenso programa de representacións, con funcións escolares e para o público xeral, o calendario de actividades inclúe exposicións como 30 anos de monicreques -no CSC O Ensanche-, que recolle a cartelería deste tipo de espectáculos en Galicia dende 1979. Tamén se recuperan este ano os cursos para profesionais, que segundo informou Jorge Rey completaron xa o total de prazas ofertadas. No apartado de formación, haberá espazo para os máis pequenos con obradoiros de construción de monicreques.

Para completar a oferta de Galicreques, entre os días 5 e o 9 terán lugar na Galería Sargadelos varias mesas redondas sobre a situación da escena, ademais da entrega do Premio Galicreques 2009 e a presentación das publicacións galardoadas co Premio Barriga Verde 2008. Deste xeito, como cada ano, o Galicreques "ofrece non só espectáculo, senón tamén debate e formación arredor dos monicreques", en palabras de Socorro García.

Compañías de varios países iberoamericanos
A edición de 2009 deste Festival Internacional de Títeres organízase arredor de Iberoamérica. Así, o programa conta con diversas compañías procedentes de países como Arxentina, Chile, Ecuador ou Cuba. Ademais, dúas das mesas redondas previstas -Historia, presente e futuro do teatro de monicreques en Hispanoamérica e Proxectos de futuro- analizan tanto a situación actual da escena nese eido como as posibles colaboracións entre as compañías de países de fala hispana.

A entrada no financiamento do Festival da asociación de países iberoamericanos Iberescena determinou en gran parte a escolla deste tema. Jorge Rey quixo subliñar a importancia dun convenio estable, como o que o festival mantén con Concello de Santiago, para poder seguir adiante cun evento deste tipo.

Socorro García, pola súa banda, aproveitou para reafirmar o seu compromiso de apoio tanto ao proxecto concreto do festival como a todo o sector dos monicreques. Así, expresou o seu desexo de "seguir impulsando a actividade dos titiriteiros e titiriteiras que tanto nos entreteñen". Nese sentido, manifestou a súa esperanza de que se recupere un proxecto como a construción dun teatro estable de marionetas na cidade que, polo momento, tivo que ser abandonado pola falta de apoios.

Direccións relacionadas



Compartir: