ALCALDÍA

Turespaña apoiará a promoción internacional de Santiago de cara ao 2010

30/09/2009 No proceso de negociacións iniciado na procura de apoios para a promoción de Santiago de Compostela dentro do evento do Xacobeo 2010, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo en Madrid dúas reunións co director xeral de Turespaña, Antonio Bernabé.

Na primeira xuntanza, Bernabé comprometeuse a continuar apoiando aos distintos grupos de cidades aos que pertence Santiago de Compostela e cos que Turespaña ten asinados convenios, isto é, co Grupo de Cidades Gastronómicas e co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, dos que Compostela é socio fundador.

Sánchez Bugallo propúxolle ampliar esta colaboración á Rede de Cidades do Camiño, integrada por Pamplona, Burgos, León e Santiago, á Rede Cool Cities, da que forman parte San Sebastián, Avilés, Xixón, A Coruña e Santiago, e á Rede de Cidades Santas, integrado por Santiago, Roma e Xerusalén. Bugallo tamén apuntou a posibilidade de recibir apoio para a promoción conxunta dos Camiños de Santiago e Kumano. Turespaña aceptou estudar estas propostas no marco dos seus convenios para o ano 2010.

Na segunda xuntanza, Bugallo estivo acompañado polo rexedor de Lugo, Xosé Clemente Orozco, co obxecto de proporlle ao director xeral de Turespaña a posibilidade de por en marcha o Triángulo de Cidades Patrimonio do Atlántico, integrado por Lugo, A Coruña e Compostela, na súa calidade de urbes depositarias de Patrimonios da Humanidade. Neste sentido, Bernabé manifestoulles aos alcaldes a posibilidade de redactar un convenio específico orientado á promoción deste Triángulo, dentro do marco dos convenios habituais que se establecen entre Turespaña e Turgalicia.

O alcalde compostelán expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento das dúas xuntanzas e a certeza de que Turespaña, como xa aconteceu noutras citas do Ano Santo Compostelán, terá en conta as suxestións propostas, en beneficio da promoción internacional tanto de Compostela como do resto de Galicia.

Compartir: