EDUCACIÓN

Os pequenos da Escola Infantil de Conxo coñecen o proceso tradicional de elaboración do viño nunha festa da vendima

29/09/2009 O inicio do novo curso escolar coincide coa primeira actividade educativa da Rede de Escolas Infantís do Concello de Santiago, coa que se dá a benvida á estación do outono. A Escola Infantil de Conxo acolle unha festa tradicional da vendima, na que os máis pequenos aprenden como se elaboraba antigamente o viño, experimentando o proceso de pisado das uvas e a degustación das mesmas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, súmase esta tarde á festa da vendima, que vén completar o traballo que durante dúas semanas foron desenvolvendo os mestres cos pequenos de 0 a 3 anos da Escola Municipal de Conxo. Así, realizaron diferentes actividades relacionadas coas uvas: pintado de grandes acios, elaboración de murais e outros motivos cos pes, uvas de plastilina, contos de vendimas….

Na festa da vendima, son as propias familias as que traen os distintos tipos de uvas. Logo, os pequenos degustaranas e poderán experimentar o proceso de pisado. Dende a Concellería de Educación considérase que a implicación das familias dos nenos e nenas da escola é un dos principios pedagóxicos que rexen a Rede de Escolas Infantís do Concello de Santiago e as festas da vendima, magosto ou Nadal son unha boa oportunidade para involucralas e facelas partícipes deste proxecto que nos axuda a transmitir aos pequenos as tradicións dos nosos devanceiros. Trátase, en definitiva, de colaborar neste longo proceso de socialización que a cultura popular nos achega.

Compartir: