BENESTAR SOCIAL E UMAD

Máis de 400 rapaces composteláns disfrutan da primeira sesión de Cinensino

07/11/2005 A sede da obra social de Caixa Galicia (Carreira do Conde), acolleu a inauguración de Cinensino, nun acto ao que asistiu a concelleira de Benestar Social e Muller, Adelaida Negreira.

A esta primeira xornada de Cinensino asistiron preto de 300 alumnos dos centros CEIP Colexiata de Sar, Colexio A Milagrosa, San Pelaio Enma, C.M. Peleteiro e Nosa Sra. dos Remedios, Vite 1, Ramón Cabanillas, Juventud e A Inmaculada. Pola mañá houbo dúas sesións: ás 10 e ás 12 da mañá e pola tarde haberá unha sesión ás 16 horas. En total, son uns 425 alumnos os que estreen esta onceava edición do Cinensino.

O filme que se proxectou foi Cinco mozos e isto, de John Stephenson, baseado no clásico de E. Nesbit e coprotagonizado por Kenneth Branagh. A película, que mistura a acción de actores reais e animatrónica, trata sobre a inocencia da infancia, de como esta se perde e a tristura que conleva facerse maior e deixar atrás os anceios infantís.

Once anos de Cinensino
Incentivar actitudes saudábeis na comunidade escolar e previr as drogodependencias a través do cine é o obxectivo principal do Cinensino, un programa que o Concello de Santiago, a través da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes), e en colaboración cos centros educativos de ensino primario e secundario, puxo en marcha hai xa once anos. Trátase de fomentar nos alumnos modos de comportamento axeitados para unha sociedade máis responsábel, solidaria e tolerante.

Cinensino diríxese aos alumnos de entre 10 e 14 anos, que cursan estudos nos centros educativo composteláns. Para os alumnos de EPO, o programa busca promocionar valores que lles permitan unha mellor relación social, como a sinceridade, a familia ou a harmonía home-natureza, mentres que para os alumnos da ESO o programa está máis encamiñado a desmitificar valores dalgún xeito "integrados" na sociedade, como a intolerancia e a permisividade social, as crenzas favorables ao consumo de drogas ou as relacións no grupo de amigos favorecedoras deste consumo.

Cinensino utiliza como base o cine, por ser un elemento motivador, para a realización de actividades con fins didácticos, recollidas nas unidades didácticas específicas para cada película. A través destas actividades conséguese ampliar as habilidades sociais dos alumnos e impulsar aqueles aspectos que se consideran imprescindíbeis para unha mellor convivencia social.

Durante todos estes anos, preto de 18.000 alumnos participaron neste programa. Este ano desenvólvese ao longo dos meses de outubro de 2005 e marzo de 2006 e nel participarán máis de 2.000 alumnos de 27 colexios de Santiago. En total emitiranse seis películas na aula de cultura da Obra Social de Caixa Galicia.

Compartir: