CULTURA

Cultura renova o seu apoio a aCentral Folque

28/09/2009 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais apoiará na medida das súas posibilidades a continuade do proxecto da Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque en Compostela. Con tal intención, a concelleira da área, Socorro García, e Ugía Pedreira, directora de aCentral Folque, asinaron un convenio de colaboración que comprende unha subvención á entidade de 25.000 euros.

Con esta sinatura, o Concello renova o seu compromiso cunha asociación que se asentou en Compostela para consolidar o seu proxecto de mellorar da formación no eido da música popular, contemplando ademais as dimensións profesionais e teóricas da mesma. Así, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais definiuna como "unha iniciativa novidosa e rendible no social e no cultural".

Socorro García non dubidou en asegurar que a localización na cidade do proxecto tanto docente como investigador de aCentral Folque supón un rendemento para a cidade, xa que non só os afeccionados á música, senón todos os cidadáns e cidadás contan coa posibilidade de asistir a concertos e actividades expositivas que se integran na programación da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais.

Pola súa banda, Ugía Pedreira quixo agradecer o apoio dispensado pola entidade municipal dende o asentamento do proxecto en Compostela. A artista manifestou a intención de que o Conservatorio de Música Tradicional e Folque, grazas a esta colaboración, continúe creando espazos sonoros na cidade que permitan normalizar a música popular e logre converter Santiago nun punto de encontro para o asesoramento e a divulgación da música tradicional e folque.

Apoio nun momento complicado
Por último, Socorro García quixo insistir no compromiso da Concellaría coa entidade nun momento de especial dificultade para a mesma. Se ata o momento, aCentral Folque desempeñaba a súa actividade docente nas instalacións da Escola de Altos Estudos Musicais, o actual suspenso da colaboración coa AGADIC obrigará á entidade a buscar novos espazos para continuar con este labor.

Nese sentido, a edil manifestou a intención de buscarlle acubillo a este ensino musical na rede de Centros Socioculturais. De materializarse esta nova localización, o traballo revertería directamente na dinamización cultural e musical dos barrios. A edil concluíu manifestando a súa confianza en que "malia a perda de apoios, o proxecto continúe e se enriqueza".

Compartir: