EDUCACIÓN

O Concello colabora un curso máis no programa de educación para adultos de Radio Ecca

28/09/2009 O Centro de Educación para Adultos Radio ECCA pon en marcha un curso máis o seu Programa de Educación de Adultos. A Concellería de Educación colabora con esta iniciativa, que ten como obxectivo a preparación para obter o título de Graduado en Secundaria nun ano e estudando na casa.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, destacou o valor desta formación, que lle ofrece aos adultos a posibilidade de preparar a obtención do título de graduado en Secundaria na proba libre da Xunta. Son clases nas que as leccións en mp3 se combinan con dúas clases presenciais semanais. Os alumnos contan con material e profesorado especializado.

Estes cursos están especialmente pensados para persoas adultas que, polo seu traballo ou dedicación familiar, non poden asistir á clase todos os días. As clases comezan no mes de outubro e actualmente está aberto o prazo de matrícula, que en realidade non se pecha durante todo o ano. No anterior curso, o programa contou en Santiago con 20 alumnos.

A situación física do Centro ECCA en Santiago está no colexio Apóstolo Santiago. O prezo é de 35 euros ao mes. Os interesados poden obter máis información no teléfono 606 099 947.

Xunto á concelleira estiveron na rolda de prensa a directora da Fundación Radio ECCA en Galicia, Carmen Dios, e a coordinadora provincial, Marisol Pérez. As dúas aproveitaron para lembrar tamén outros cursos que se ofrecen dende Radio ECCA, como os de alfabetización e formación de habilidades básicas instrumentais, ou de lectura, escritura e cálculo. Nestes intres están a desenvolver unha campaña de prevención da obesidade dende a infancia.

Compartir: