ALCALDÍA

Os composteláns contan cun novo parque na avenida do Camiño Francés

26/09/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de inauguración do SUNP-4 do Camiño Francés, ámbito que conta cunha superficie de 144.000 metros cadrados.

Desta superficie total, 53.811 metros cadrados correspóndense con zonas verdes axardinadas e 30.070 son de rede viaria, itinerarios peonís e aparcamentos públicos. Ademais, o ámbito contará con zonas para equipamentos públicos, parcelas de usos residenciais e de uso terciario.

Sánchez Bugallo salientou que coa apertura do parque e os viais "vaise completando esta peza de entrada á cidade" e ademais "os veciños de San Lázaro e As Cancelas quedan definitivamente integrados" na mesma. O rexedor compostelán animou a todos os veciños e veciñas de Compostela a disfrutar desta nova área verde, desde a que, ademais, hai unhas excelentes vistas da cidade.

O parque das Cancelas conta así mesmo cunha praza equipada cun anfiteatro e unha zona na que tamén se instalou unha fonte-estanque. A estas infraestruturas engádese unha área de xogos infantís con unidades de balancíns, columpios, tobogáns, exercicios de rede e un conxunto de torres altas.

Entre as especies arbóreas que se poden atopar no parque salientan os bidueiros, as camelias xapónicas, cedros, carballo-americano ou oliveiras.

Compartir: