MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente colabora na actividade de limpeza do Sar "Tes unhas botas na casa?"

25/09/2009 A Concellaría do Medio Ambiente de Santiago apoia e colabora na campaña de sensibilización sobre a importancia de non utilizar os ríos como depósito de residuos que está a artellar a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) por todo o país. Dende o Departamento realízase unha limpeza periódica dos ríos Sar e Sarela a través da empresa concesionaria do tratamento e xestión das augas de Compostela Aquagest.

Santiago conta cunha ampla rede de ríos e regatos que compre ter limpos retirando das beiras e do cauce residuos de todo tipo. Aínda que a mellor ferramenta para ter o nosos ríos limpos e concienciar á cidadanía para manter actitudes e comportamentos responsables, de non tirar ao río restos, de non deixalos no medio porque poden acabar no río. Cómpre lembrar que materiais como os plásticos duran varios anos sen descompoñerse.

Neste marco, Medio Ambiente colabora coa campaña Tes unhas botas na casa? na limpeza do río Sar que Adega organizará o domingo 27. O inicio da actividade será ás 11:00 horas na ponte sobre o Sar, a carón das piscinas, e para participar pode contactarse nos teléfonos de Adega 981 570 099 e 619 672 038, ou mesmo a través do correo electrónico escribindo a adega@adega.info.

Tes unhas botas na casa?
Despois do éxito da primeira xornada de limpeza en ríos en 2008, Adega repite a experiencia. A limpeza desenvolverase en colaboración con concellos e distintas entidades e asociacións de Galicia e pretende chamar a atención sobre o problema máis agravante que sofren os nosos ríos, que segue a ser a cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Plásticos e entullos son elementos case habituais nos cursos fluviais. Dende Adega e o Concello de Santiago quérese concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde.

A limpeza non pasa só por ser unha actividade dun día. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsables cara o medio natural e depende de todos frear a contaminación que están a sufrir. Adega entregará aos grupos participantes un protocolo 2009 para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais.

En 2008, en toda Galicia, estimouse que o peso total do material retirado era dunhas 11.020 toneladas de lixo, cunha orixe moi diversa: neveiras, rodas, radiografías, colchóns... Neste ano animase a todos os e as participantes a pesar o lixo retirado e difundir entre o resto da sociedade a idea de que o río non é un vertedoiro.

Compartir: