PROMOCIÓN ECONÓMICA

A nova edición da Xornada "Emprende en Compostela" toma como referencia a actual situación económica

25/09/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a IV Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 27 de outubro no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa, que depende do Servizo de Apoio á Empresa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia é de balde.

Este ano a xornada conta cunha novidade: un espazo de promoción gratuíto para as empresas de Santiago, no que poden informar ás persoas e entidades participantes sobre os servizos e produtos que ofrecen. As empresas interesadas poden inscribirse en www.maiscompostela.org e enviar a documentación que queiran repartir ás oficinas da Concellaría de Promoción Económica antes do 15 de outubro.

Baixo a denominación de Estratexias para o emprendemento en tempos de crise, o programa desta cuarta edición foi deseñado tendo en conta o actual contexto económico, intentando adaptalo, o máis posible, ás demandas de información e ás necesidades actuais das persoas emprendedoras (utilización de novas tecnoloxías, innovación, medidas para afrontar a crise, etc) detectadas pola Concellaría de Promoción Económica a través do Servizo de Apoio á Empresa. Durante a xornada repartiranse lapis de memoria de 2 GB con información sobre oportunidades de negocio, constitución de novas empresas, estudos de viabilidade, estatísticas da evolución económica da cidade, etc.

Obradoiros e intercambio de experiencias
Igual que en edicións anteriores, o programa de actividades está concibido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas inscritas na xornada poderán participar en distintos obradoiros para o emprendemento; e coñecer as novas axudas e estratexias para montar un negocio en tempos de crise, distintas iniciativas de cooperación empresarial, e a experiencia de novas empresas.

Tamén haberá unha comida-encontro entre emprendedores/as recentes e técnicos/as, enmarcada na Rede de Cooperación Local, un programa que ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial e empresarial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC.

A información sobre a xornada e o formulario de inscrición atópanse na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. O prazo para apuntarse finaliza o 26 de outubro. Se a algunha persoa non lle da tempo a inscribirse pode facelo o mesmo día do encontro no expositor de Promoción Económica onde se entregarán as credenciais. Para a asistencia á xornada fretaranse dous autobuses gratuítos con saída dende o Campus Sur e dende o Campus Norte cara o Pazo de Exposicións e Congresos.

Ademais, a Concellaría de Promoción Económica instalará un Punto de Asesoramento para persoas emprendedoras, no que se ofrecerá, igual que no lapis de memoria, información sobre oportunidades de negocio; creación, constitución e desenvolvemento de empresas; iniciativas locais de emprego; e sobre o Servizo de Apoio á Empresa. As distintas entidades participantes contarán con expositores nos que se informará sobre os servizos e produtos que ofrecen relacionados co emprendemento.

A IV Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, está cofinanciada pola Deputación de A Coruña. Conta coa colaboración das seguintes entidades: AJE Marineda (Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña), Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Em Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), USC (UNINOVA), Obra Social Caixa Galicia, La Caixa e a empresa Artefacto Producciones.

No acto de presentación tamén estaban presentes Ana Núñez, técnica de Avaliación e Diagnóstico do C.E.E.I. Galicia S.A. (Bic Galicia); Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; e Francisco Javier Rodríguez, responsable de Institucións da Delegación Xeral de Galicia de La Caixa.

Documentos relacionados



Compartir: