ALCALDÍA

A Comisión Especial de Lavacolla asume como obxectivo a posta en valor das capacidades do aeroporto compostelán

25/09/2009 O Auditorio de Galicia acolleu o acto de constitución da Comisión Especial do Aeroporto de Lavacolla, integrada polas formacións políticas e todos os entes sociais e económicos da cidade. Posteriormente, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou os resultados desta xuntanza, que definiu como "franca e razoable" e da que se amosou "moi satisfeito".

Sánchez Bugallo indicou que a Comisión asumiu o compromiso de traballar dende todos os aspectos que afectan a Lavacolla. "O seu obxectivo será por en valor as capacidades do noso aeroporto", sinalou. Trátase de resaltar potencialidades do aeroporto como a pista, a nova terminal ou o novo aparcadoiro para case 4.000 vehículos, pero tamén de compensar déficits como as conexións coa cidade.

A propósito destas conexións, o alcalde resaltou a necesidade dun enlace directo do aeroporto coa autopista. Ao seu xuízo, o novo periférico que conectará a N-525 coa propia autovía de Lavacolla fai viable que se faga esta conexión coa autopista, eliminando os problemas de seguridade que ata o momento se formularan.

Sobre unha conexión ferroviaria, recordou que existe unha reserva no PXOM para a mesma. Considerando que a fórmula ideal sería unha lanzadeira dende a futura estación intermodal, ferroviaria ou por carretera, indicou que "non lle imos poñer portas ao campo" ás posibilidades de conexión co AVE. En calquera caso, reiterou a necesidade desta lanzadeira.

En paralelo ao Comité de Rutas
Volvendo á Comisión Especial, comentou que agora os colectivos participantes formularán as súas propostas. Alí se propuxo a constitución dunha comisión xeral que se reuniría unha vez ao mes e de dúas comisións técnicas, unha sobre infraestruturas e outra relativa á comercialización e promoción.

Esta Comisión Especial funcionará en paralelo á Comisión de Desenvolvemento de Rutas Aéreas, que na semana vindeira manterá unha reunión. O alcalde e o presidente da Cámara de Comercio serán os representantes composteláns nesta xuntanza.

Precisamente, o Concello remitirá nuns días ao Ministerio de Fomento a proposta de funcionamento deste Comité de Rutas. O alcalde considerou que debe estar presidido polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que a dirección técnica ten que corresponder a AENA.

Posición de primacía do aeroporto compostelán
Para reiterar a posición de referencia do aeroporto compostelán, Sánchez Bugallo referiuse ás cifras do mes de agosto, "o mellor da nosa historia" en canto a número de viaxeiros (222.000) e de pernoctacións (170.000). Ao respecto da "primacía turística de Santiago", indicou "Lavacolla acaparou o 52% da cota de mercado do transporte de viaxeiros en Galicia, algo que hai unha década que non acontecía". Anticipou que en setembro se confirmarán as boas cifras e mesmo que se recuperará a primacía galega nos voos a Madrid.

A preocupación polo futuro das liñas de baixo custo foi outro dos temas da súa intervención, anunciando que en decembro tocará decidir se se denuncia ou non o convenio con Ryanair. A este respecto, deixou claro que "o Concello non pode asumir exclusivamente o custo deste convenio" e advertiu das negativas consecuencias para o futuro turístico de Galicia, pasado o Ano Santo, de non manterse esta aposta polas liñas de baixo custo". "Nós non estamos en contra de que a Xunta asuma as negociacións coas compañías; o importante é que se manteña o apoio e o que hai que pensar é no 2011", engadiu.

En referencia o informe feito público pola xunta respecto a incidencia das liñas de baixo custo na chegada de turistas, Sánchez Bugallo afirmou que é "un informe exculpatorio" e restoulle importancia. "Metéronlle un gol ao conselleiro", dixo. Finalmente, subliñou que "globalmente non me parecen mal as ideas que está expresando o presidente da Xunta" en relación aos aeroportos, o que reflicte "unha preocupación por este problema".

Compartir: