RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Unha delegación de empresarios xaponeses e representantes do Camiño Xaponés dos 88 Templos visita o Concello

24/09/2009 Con vistas a unha peregrinación que se fará no Ano 2010, unha delegación de empresarios e representantes do Camiño dos 88 Templos reuníronse co Concelleiro de Relacións Institucionais para organizar a visita do vindeiro ano.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, recibiu no Concello e acompañou nunha visita á Praza do Obradoiro a unha delegación de empresarios xaponeses que fixeron o Camiño, acompañados polo Director da "Rede de Axuda ao Peregrino de Shikoku" , adicada a soster non só aos peregrinos que fan esta ruta senón a manter en bo estado os 88 templos dos que se compón, todos eles ubicados na illa de Shikoku.

Este primeiro encontro terá a súa continuidade no Ano Santo cunha gran peregrinación que se está a organizar de empresarios xaponeses e representantes do Camiño dos 88 Templos que virá precedida dun fortalecemento das relacións económicas e culturais entre as cidades de Santiago de Compostela e de Takamatsu, cidade portuaria e que alberga unha grande concentración de oficinas de empresas punteiras en Xapón e de edificios administrativos para a illa de Shikoku. O Camiño de Shikoku, segundo indica o representante da Rede, Hirohumi Matsuoka, e o de Santiago teñen moitas similitudes, sobre todo polo que respecta á vexetación e os lugares naturais polos que discorren ambos.

Compartir: