LINGUA

Comezan os obradoiros de lingua e cultura galegas para emigrantes e inmigrantes retornados

14/11/2005 A Concellaría de Política Lingüística organiza uns obradoiros formativos dirixidos a inmigrantes e emigrantes retornados para achegar as destrezas básicas para a comunicación en lingua galega e un coñecemento inicial respecto da situación sociocultural de Galiza en xeral e de Compostela en particular.

Os obradoiros "Falo eu, falas ti, falamos todos e todas" desenvólvese en 16 sesións de dúas horas de duración cada unha, segundo o programa que se indica máis abaixo. A metodoloxía que se segue é fundamentalmente práctica, recorrendo á escenificación de diferentes situacións e a outras actividades de interacción entre os participantes, á utilización de medios de comunicación, cinema, teatro, etc. Asemade fornecerase información e recursos a respecto da historia, xeografía, demografía, situación sociopolítica e cultural de Galicia e, por suposto, sobre a lingua galega e o seu uso.

Con esta actividade preténdese facilitar nocións básicas para a comprensión e a utilización do galego, á vez que se contribúe ao mellor desenvolvemento social das persoas que se integran na nosa comunidade mediante a información e a práctica comunicativa.

Os obradoiros teñen carácter gratuíto e están abertos á participación de calquera inmigrante ou emigrante retornado. Para participar é preciso unicamente presentar unha solicitude no Rexistro Xeral nas datas en que se abra a convocatoria de cada edición, que son anunciadas previamente na web municipal e na prensa local. En cada obradoiro inclúense 20 prazas que son cubertas por orde de entrada das solicitudes.

Compartir: