XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de reurbanización da rúa Espírito Santo

22/09/2009 O Goberno local aprobou o proxecto e iniciou o expediente de contratación das obras de reurbanización do espazo público da rúa Espírito Santo. Na mesma sesión deuse o visto bo á cafetería que se instalará no parque Eugenio Granell.

As obras na rúa Espírito Santo suporán a humanización deste espazo, cun tratamento do pavimento a base de lousas de granito, de acordo coa vontade de conectar esta rúa co resto do casco histórico. O importe de licitación é de 493.069 euros máis IVE. Esta obra forma parte do convenio de espazos públicos asinado no seu día entre a Concellería de Cidade Histórica e a antiga Consellería de Vivenda

Entre as actuacións a realizar está a supresión dunha das plataformas de pedra do borde leste; a recuperación do lugar para o uso veciñal, acoutando e subordinando o espazo do automóbil; a restauración da fonte e dos muros de cachotería que conforman a plataforma das arquetas de condución de auga; ou a formación dunha bóveda vexetal no espazo da praza. A intervención completarase con novos elementos de mobiliario urbano e coa renovación e soterramento de redes básicas.

Cafetería no parque Eugenio Granell
Noutro espazo da cidade, o parque Eugenio Granell, instalarase unha cafetería a modo de quiosco de abastecemento de alimentos e similares. A Xunta de Goberno deu o visto bo ao proxecto, financiado polo Consorcio de Santiago e cun orzamento de 248.744 euros.

O edificio contará cunha soa planta de 240 metros cadrados de superficie construída. O seu emprazamento busca o acceso a un dos principais itinerarios peonís do parque. Será unha construción realizada basicamente en madeira, en harmonía co entorno.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social e Igualdade, aprobouse a sinatura de dous convenios. O primeiro, por importe de 35.000 euros, subscribirase con Cáritas Interparroquial para o desenvolvemento do seu programa de atención primaria para os máis desfavorecidos. O segundo asinarase coa Universidade de Santiago para levar a cabo o programa Ruptura de Parella, que busca minimizar as repercusións negativas que unha separación causa nos menores e no resto da familia. A cantidade achegada polo Concello serán 30.000 euros.

Ademais, deuse conta da concesión dunha subvención ao Concello pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia de 10.000 euros. A súa finalidade é o desenvolvemento dun programa experimental en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Mobilidade
En materia de Mobilidade, deuse conta do decreto polo que se prorroga o contrato de xestión do sistema de aluguer de bicicletas de uso público dende o 15 de setembro ata o 31 de decembro, nas mesmas condicións nas que se vén prestando na actualidade.

Deportes
Tamén en relación a este medio de transporte, pero no ámbito da Concellería de Deportes, autorizouse a celebración unha edición máis do Día da Bicicleta, que terá lugar o domingo 18 de outubro. Esta actividade contará cun orzamento de 8.500 euros.

Educación
Finalmente, deuse conta da concesión dunha subvención de 40.591 pola Consellería de Educación para o cofinanciamento do programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario escolar. Esta achega destínase a boa parte dos programas que realiza a Concellería de Educación, un amplo programa que fai que Santiago sexa a cidade que maior importe recibe nesta convocatoria, segundo apuntou a titular do Departamento, Mercedes Rosón.

Documentos relacionados



Compartir: