COMERCIO

O Plan Estratéxico do Comercio Compostelán ofrece con tres liñas de actuación baseadas nas necesidades do sector

22/09/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán (PECC). Ratificado pola Xunta de Goberno, recolle as políticas de comercio que a Concellaría aplicará ata o 30 de xullo de 2010, data de remate da súa vixencia. O seu orzamento é de 187.500 euros, cofinanciados nun 80% pola Deputación da Coruña (150.000 euros) e nun 20% polo Concello de Santiago (37.500 euros).

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio conta, dentro dos seus obxectivos, co de impulsar e fortalecer o comercio da cidade. O sector comercial compostelán é un elemento decisivo no desenvolvemento económico e social do Concello de Santiago como elemento de impulso, desenvolvemento e estruturación de espazos urbanos. Ademais, na actual conxuntura económica o comercio é un dos ámbitos máis afectados, xa que sofre non só os problemas comúns ao conxunto do tecido empresarial senón tamén o efecto da crise de consumo doméstico que esta afectando ao noso país.

As liñas de actuación contempladas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán teñen en conta a actual situación do comercio en Santiago. Adáptanse ás necesidades actuais do sector, detectadas pola Concellaría de Promoción Económica co Plan de Asesoramento ao Comercio (a través do que se visitaron 207 estabelecementos comerciais e hostaleiros). Recolle ademais, a experiencia e información que a execución do Plan de Excelencia Comercial, desenvolvido en 2007, aportou ao Servizo de Apoio á Empresa, un servizo que pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

O Plan Estratéxico do Comercio de Santiago de Compostela é, na práctica, a segunda parte do Plan de Excelencia Comercial. Contempla a realización de estudos e a implementación de estratexias adaptadas aos novos retos de modernidade e innovación que precisa o sector para fortalecelo e facelo máis dinámico e competitivo. Establécense tres liñas de traballo, coa finalidade de dotar aos estabelecementos participantes nos distintos programas e ao sector das ferramentas necesarias para afrontar a actual coxuntura económica.

Compartir: