ALCALDÍA

O Concello colabora coa Fundación Secretariado Xitano no desenvolvemento dun programa de inserción laboral

22/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director-xerente da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega á ONG 19.700 euros para o desenvolvemento das actividades enmarcadas dentro do programa Acceder, dirixido á poboación xitana do municipio de Santiago de Compostela.

O programa Acceder busca impulsar o acceso da comunidade xitana á formación e ao emprego normalizados, a través da posta en marcha de dispositivos adaptados e integrados de emprego. A propósito deste programa, Sánchez Bugallo recordou que a educación e o emprego son "as ferramentas que permitirán unha axeitada integración desta comunidade na sociedade". O alcalde tamén se remitiu á actual crise económica para subliñar que "quen máis a sofren son os sectores máis fráxiles" polo que demandou da sociedade que "sexa máis solidaria que nunca".

Sobre a incidencia do programa, Juan Rodríguez apuntou que dende o 2002 ao 2007, pasouse dunha porcentaxe de ocupación por conta allea da poboación xitana dun 8,5% a un 19,5%. Con todo, estas cifras seguen a estar moi lonxe das cifras de ocupación do resto da poboación, ao igual que sucede cos indicadores educativos.

Os obxectivos xerais do programa Acceder son:

1. A cualificación profesional e o acceso da poboación a empregos por conta allea.
2. O achegamento e adaptación dos servizos xerais de formación profesional e emprego aos xitanos e xitanas desempregados para garantir o acceso en igualdade de condicións co resto de cidadáns.
3. A creación de iniciativas de emprego protexido e asesoramento no proceso de autoemprego e creación de empresas.
4. A sensibilización sobre os prexuízos e prácticas discriminatorias das que os xitanos e xitanas son vítimas, así como a mellora progresiva da súa imaxe persoal.
5. A xeneralización de políticas máis activas para a poboación xitana, para mellorar as súas condicións de vida e garantir a igualdade de oportunidades.

Itineriarios integrados en torno a tres eixes

Para a posta en marcha do programa deseñaranse itinerarios integrados de inserción laboral, que inclúen medidas de información, orientación, asesoramento socioprofesional, preformación e formación profesional, así como fórmulas específicas de intermediación laboral. Dedicarase un especial esforzo ao desenvolvemento e fomento de novas ocupacións e empregos no sector dos servizos de proximidade.

A intervención articularase en torno a tres grandes eixes:

• Socio-laboral: mobilización das persoas para mellorar a súa empregabilidade mediante unha axeitada acollida, diagnóstico e xestión dos itinerarios individuais.
• Formación: xestión do acceso aos recursos de formación ocupacional e creación de novos escenarios adaptados de formación-emprego.
• Emprego: prospección, acompañamento e seguimento do emprego. Identificando o achegamento entre ofertas e demandas e a intermediación co tecido económico e empresarial.

Os tres eixes anteriores concrétanse nas seguintes accións:

1. Orientación, formación e inserción laboral
• Captación e sensibilizacion sobre a necesidade de procesos de orientación e busca de emprego.
• Orientación, asesoramento e seguimento: elaboración dun diagnóstico individual e realización de titorías encamiñadas a orientación laboral e das actividades formativas.
• Derivación e seguimento de accións formativas normalizadas.
• Posta en marcha de actividades de preformación e formación profesional específica para a poboación xitana

2. Prospección e intermediación no mercado de traballo
• Análise de postos de traballo e busca de emprego.
• Apoio á contratación, facilitando información e asesoramento técnico.
• Acompañamento ao mercado de traballo.
• Acordos de colaboración con empresas.
• Apoio a iniciativas de emprego protexido e empresas de inserción.

3. Apoio a emprendedores e emprendedoras:
• Apoio ao autoemprego, desenvolvemento proxectos e acompañando e asesorando na posta en marcha dos mesmos.

4. Promoción de políticas pro-activas:
• Formación de profesionais.
• Accións de sensibilización.
• Asistencia técnica ás administracións públicas e organizacións sociais no deseño de plans e medidas.
• Estudos e investigación.

Para o desenvolvemento das actividades previstas, Raxoi achega a cantidade de 19.700 euros. O Concello de Santiago de Compostela e a Fundación Secretariado Xitano, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: