EDUCACIÓN

Unha exposición en homenaxe a Toulouse Lautrec achega a súa obra aos estudantes

16/11/2005 A colaboración entre a Fundación "La Caixa" e o Concello de Santiago, conxuntamente co Vicerrectorado de Extensión Cultural da Universidade, inicia as actividades deste curso 2005-2006, coa exposición "Deseñadores para un mito. Homenaxe a Toulouse-Lautrec", que estará no Pazo de Fonseca entre o 16 de novembro de 2005 e o 8 de xaneiro de 2006.

A proposta pretende homenaxear a Henri de Toulouse-Lautrec, un dos grandes artistas do século XIX nun terreo difícil como é o cartel, pola súa interacción coa realidade das rúas. Toulouse-Lautrec actuou como cronista dunha época nacida ao frenético compás dun cambio de século que traería novos e revolucionarios inventos pero tamén dúas grandes guerras.

Segundo o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na inauguración da mostra, a personalidade de Toulouse-Lautrec "controvertida e apaixonada, a súa gran dimensión artística, merecen todo tipo de homenaxes e con maior razón se implica un proceso de coñecemento, estudo e creación de novas formas de expresión ó redor da súa obra".

En opinión de Bugallo, Toulouse-Lautrec "demostrou ser un grande observador e simultaneamente un gran transmisor da imaxe captada, foi un virtuoso da liña, un inconformista coas técnicas, un buscador da cor e sobre todo do movemento".

A mostra está exposta desde o mércores 16 de novembro no Colexio Fonseca, e diríxese aos alumnos de terceiro ciclo de primaria, educación secundaria obrigatoria e post-obrigatoria, do 16 de novembro de 2005 ao 8 de xaneiro de 2006.

A exposición organízase motivo do centenario da desaparición do artista, momento no que o Clube des Partenaires du Museé Lautrec de Albi, a súa cidade natal, convocou en 2001 aos mellores deseñadores do mundo para que, baixo a dirección de Anthon Beeke, levaran a cabo unha homenaxe ao artista, que cunha brevísima carreira como cartelista, foi capaz de deixar a súa impronta, revolucionando a linguaxe do cartel.

A Fundación "La Caixa" adquiriu un xogo deses carteis, obras impresas que serven de magnífico exemplo das distintas tendencias do deseño gráfico actual. De entre eles, e para esta exposición, seleccionáronse sesenta que se presentarán ao público por primeira vez en Galicia.

Cartaces e fotografías
A mostra divídese en dous ámbitos. No primeiro, atópanse os cartaces que fan referencia á seductora personalidade do artista e a toda a iconografía que lle rodea: bombín negro, bastón e as numerosas apariencias baixo as que Toulouse-Lautrec se deixou fotografar, serviron como fonte de inspiración aos deseñadores gráficos na homenaxe a este artista. No segundo ámbito, atopamos os carteis baseados no mundo do espectáculo e a noite parisiana, dos que Toulouse-Lautrec foi excelente cronista.

Estas sesenta obras exhíbense xunto a fotografías de Toulouse-Lautrec e reproduccións dos seus carteis que serven de contexto ás creacións dos deseñadores contemporáneos.

A pesar de que a súa carreira foi truncada polo seu repentino falecemento, antes de cumprir os trinta e seis anos, acadou unha grande notoriedade, influindo enormemente en numerosos artistas como Beggarstaffs Brithers, Will Bradley, Ramon Casa e Adriá Gual.

Cen anos depois da súa morte, Toulouse-Lautrec segue sendo para os creadores do noso tempo un exemplo de sinceridade, liberdade intelectual e innovación. Entre eses creadores, son moitos os deseñadores gráficos que se senten os herdeiros máis directos.

Horario de visitas
O horario de visitas para escolares é de martes a venres, de 9:30 a 13:30 horas, e de 15:30 a 17:30 h. A reserva de visitas escolares pode facerse a través do teléfono 981 55 44 00. O horario de visitas para grupos organizados é de martes a venres, de 17 a 20.30 horas, os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas, e os domingos de 11 a 14 horas. O horario de Nadal, durante os días 24, 25 e 31 de decembro de 2005, e 1 de xaneiro de 2006, aberto de 11:00 h. a 14:00 h.

O mércores día 16 de novembro de 2005, ás 18 horas no Pazo de Fonseca haberá unha presentación da exposición dirixida ao profesorado.

Compartir: