EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música incorpora a danza e a música tradicional á súa oferta académica

21/09/2009 Con preto de 300 alumnos contará a Escola Municipal de Música no curso 2009-2010. Son xa 213 alumnos os matriculados, aos que se unirán os que se matriculen entre o 21 e o 25 de setembro. Todos eles poderán acceder a unha ampla oferta que incorpora novidades como as seccións de danza ou de música tradicional, ou un grupo de nenos de tres anos na sección de música e movemento.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, destacou o salto cuantitativo que se da neste curso na Escola, pasando dos 180 aos 300, confirmando o interese crecente no programa musical deste centro. Este incremento de alumnos vai paralelo ao incremento da oferta, que neste curso se concreta en novas seccións, como a de música tradicional, a de danza e o grupo de nenos de tres anos na sección de música e movemento, respondendo á demanda dos cidadáns composteláns. Ademais, púxose en marcha o Plan de Acceso ao Conservatorio, destinado a aqueles alumnos que queiran profesionalizarse no mundo da música.

A directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, e o xefe de estudos da mesma, Mario Diz, destacaron a importancia da nova oferta, así coma o esforzo do centro por ofrecer unha educación musical de calidade. Neste sentido, referíronse ao obxectivo de acceder ao maior número de xente posible, tanto no caso dos adultos –non contemplados nos plans dos Conservatorios- como no dos nenos, xa dende os 3 anos.

Segundo resaltaron, esta é unha Escola para todas as idades, para todos os niveis e para todas as músicas. É pois o mellor exemplo da democratización da práctica e da educación musical, que se traduce no aumento do numero de afeccionados á musica e nunha vertebración deste servizo como axente cultural de primeira orden. Con este último obxectivo prográmanse concertos e diversas actividades, e trabállase na creación dunha banda e dunha orquestra de corda da propia Escola.

A concelleira e os responsables da Escola convidaron aos composteláns a presenciar o concerto de presentación do curso, que se celebrará o 28 de setembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. No mesmo participarán profesores e alumnos e será unha boa oportunidade para que as familias coñezan os obxectivos e as actividades propostas para o novo curso.

Direccións relacionadas



Compartir: