ALCALDÍA

O alcalde avoga polo mantemento dunha representación ao máximo nivel no Comité de Rutas que asegure a súa operatividade

18/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á constitución do Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas de Galicia, constituído por representantes do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, os concellos da Coruña, Santiago e Vigo e organizacións empresariais. Tras a mesma, en rolda de prensa, saudou a iniciativa e anunciou que se abriu un prazo de dúas semanas para facer chegar as consideracións oportunas sobre este Comité, incluído o seu funcionamento interno.

Sánchez Bugallo indicou que "para que este Comité sexa operativo, a representación debe manterse ao máximo nivel; isto sería a expresión de que os aeroportos galegos son unha prioridade para o Estado". Esta representación debería ser, dixo, a nivel de secretario de Estado ou de delegado do Goberno no caso do Goberno Central e do conselleiro do ramo no caso da Xunta de Galicia, ademais de propia presenza de AENA.

Esta postura foi defendida polo alcalde na constitución do Comité. Deste xeito, apóstase por un órgano ao máximo nivel que defina obxectivos e orzamentos, entre outras cuestións, e por un órgano executivo para a xestión.

Apuntou que o Comité "permitiranos poñer sobre a mesa todos os factores posibles" en relación á captación de novos destinos. Así, puxo como exemplo o aeroporto de Porto, que "conseguiu poñer en valor todo o que teñen", mentres que "nós, ata agora, non tivemos esa capacidade de negociación". Neste sentido, defendeu a necesidade de "aunar esforzos" en cuestións como a promoción ou as taxas aeroportuarias.

Comisión de seguimento
En paralelo a este Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas, confirmou que na semana entrante se retomará a idea da comisión de seguimento do aeroporto formulada no marco do Consello Económico e Social. A finais da devandita semana ou principios da seguinte quedará constituído esta comisión, á que se convidará incluso a entidades non integrantes do CES, pero implicadas nesta cuestión.

Compartir: