Benestar Social e UMAD

Ponse en marcha a onceava edición do Cinensino

04/11/2005 O programa de prevención de drogodependencias a través do cine posto en marcha pola UMAD cumpre once anos.

Incentivar actitudes saudábeis na comunidade escolar e previr as drogodependencias a través do cine é o obxectivo principal do Cinensino, un programa que o Concello de Santiago, a través da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes), e en colaboración cos centros educativos de ensino primario e secundario, puxo en marcha hai xa once anos. Trátase de fomentar nos alumnos modos de comportamento axeitados para unha sociedade máis responsábel, solidaria e tolerante.

Cinensino diríxese aos alumnos de entre 10 e 14 anos, que cursan estudos nos centros educativo composteláns. Para os alumnos de EPO, o programa busca promocionar valores que lles permitan unha mellor relación social, como a sinceridade, a familia ou a harmonía home-natureza, mentres que para os alumnos da ESO o programa está máis encamiñado a desmitificar valores dalgún xeito "integrados" na sociedade, como a intolerancia e a permisividade social, as crenzas favorables ao consumo de drogas ou as relacións no grupo de amigos favorecedoras deste consumo.

Cinensino utiliza como base o cine, por ser un elemento motivador, para a realización de actividades con fins didácticos, recollidas nas unidades didácticas específicas para cada película. A través destas actividades conséguese ampliar as habilidades sociais dos alumnos e impulsar aqueles aspectos que se consideran imprescindíbeis para unha mellor convivencia social.

Durante todos estes anos, preto de 18.000 alumnos participaron neste programa. Este ano desenvólvese ao longo dos meses de outubro de 2005 e marzo de 2006 e nel participarán máis de 2.000 alumnos de 27 colexios de Santiago. En total emitiranse seis películas na aula de cultura da Obra Social de Caixa Galicia.

Os centros participantes este ano son o CEIP Colexiata de Sar, San Pelayo EMNA, C.A. Inmaculada, Colexio Ntra. Sra. de los Remedios, CEIP de Vite I, CEIP Ramón Cabanillas, Colexio Juventud, CEIP Monte dos Postes, CEIP Raíña Fabiola, Colexio San José de Cluny, Colexio Divino Maestro, CEIP Quiroga Palacios, Pío XII, CEIP López Ferreiro, Colexio A Milagrosa, Colexio Vilas Alborada, Colexio Santa Apolonia, IES Monte de Conxo, IES Pontepedriña, C. M. Peleteiro, IES Antón Fraguas, IES Xelmirez I, IES Xelmirez II, IES Rosalía de Castro, IES Pontepedriña, Colexio La Salle, Lamas de Abade e Cee Pedroso.

Compartir: