BENESTAR SOCIAL

Benestar Social edita unha guía con toda a información básica para inmigrantes e emigrantes retornados

17/09/2009 A Concellería de Benestar Social e Igualdade acaba de editar a Guía de recursos de Santiago de Compostela para inmigrantes e emigrantes retornados. A publicación inclúe toda a información básica sobre os trámites a realizar á súa chegada e respecto a temas esenciais que lles afectan.

A Guía foi presentada pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, nunca rolda de prensa na que estivo acompañada pola técnica responsable da Unidade de Atención ás Migracións, Carmen Penamaría. A concelleira explicou que na publicación recóllese información actualizada sobre a primeira acollida e os principias servizos e recursos que ofrece o Concello e outras institucións.

Nunha edición en galego e castelán, a Guía recompila a relación de trámites que os inmigrantes e retornados teñen que realizar á súa chegade, e información básica sobre temas esenciais como saúde, vivenda, emprego, educación, servizos sociais, puntos de atención, asociacións, sindicatos e outras entidades de interese. Os que accedan á Guía poderán aclarar cuestións como as do empadroamento, a solicitude da tarxeta sanitaria, a tramitación da Tarxeta de Identidade de estranxeiro, a apertura dunha conta bancaria, o envío de remesas ao país de orixe ou a homologación de títulos estranxeiros, entre outras.

En prol dunha maior integración
Mar Martín expresou a súa confianza que esta publicación contribúa a unha maior integración na sociedade de todos aqueles que chegan a Compostela, consolidándoa como unha cidade acolledora e hospitalaria.

Inicialmente editáronse 500 exemplares desta Guía, que serán repartidos en todas as asociacións que traballan con inmigrantes, centros socioculturais, rexistros, xulgados, oficinas de emprego, concellos da Mancomunidade, etc. Dependendo da demanda, non se descarta sacar novas edicións. A Guía tamén está dispoñible nesta páxina web.

Compartir: