MOBILIDADE

Santiago únese á Semana Europea da Mobilidade con xincanas, obradoiros e transporte urbano de balde

17/09/2009 A cidade quere implicarse como cada edición coa Semana Europa da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro. Por este motivo, a Concellería de Mobilidade e Transportes preparou unha serie de actividades para promover hábitos saudables e máis respectuosos co medio ambiente.

O concelleiro de Mobilidade, Carlos Nieves, e o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, presentaron o programa de actividades, que este ano leva como lema "Mellora o clima da túa cidade". A campaña é unha invitación a deixar o coche na casa o martes 22 de setembro e a facer uso dos transportes alternativos, coma o autobús urbano ou a bicicleta.

Neste martes 22 celebrarase o día sen coche ofrecendo o servizo de transporte urbano de xeito totalmente gratuíto en todas as liñas e durante toda a xornada. Segundo explicou Nieves, o obxectivo é que as persoas que aínda non coñecen o transporte urbano se animen a subir ao autobús e fagan deste vehículo o seu medio de transporte habitual. De logralo, sería unha contribución a potenciar unha mellor calidade de vida para todos.

Este mesmo día, de 16:30 a 20:30 horas, realizaranse diversas actividades na Praza Roxa. Así, os nenos de entre 4 e 14 anos poderán participar nunha xincana. Consta dun circuíto de habilidade cunha serie de obstáculos coma balancín, portería, paralelas, etc. Trátase de mellorar a habilidade e, polo tanto, a seguridade na bicicleta, e de promover este elemento entre os máis novos.

Na mesma praza impartirase un obradoiro de enerxía, no que se mostrará como a enerxía producida por bicicletas é suficiente para o acendido e funcionamento de distintos elementos eléctricos coa simple acción de pedalear. Haberá outras demostracións de enerxías renovables.

Finalmente, instalarase unha mesa de información e participación COMBICI. Durante toda a actividade, as persoas que o desexen terán a oportunidade de usar as bicicletas de xeito totalmente gratuíto (só deberán entregar o DNI e poderán facer uso da bicicleta durante unha hora). Ademais ofrecerase información sobre o servizo, coa posibilidade de que os interesados se dean de alta no momento.

Sorteo e presenza de coñecidos ciclistas
Entre as persoas que participen na actividade sortearase unha bicicleta e dez bonos mensuais do transporte urbano.

Ademais contarase coa presenza de profesionais da bicicleta como Óscar Pereiro, campión do Tour de Francia 2006; Iván Raña, campión do mundo de Triatlón; e David Blanco, gañador dúas veces da Volta a Portugal.

Compartir: