ALCALDÍA

A Fundación do Mérito Europeo recoñece o papel de Santiago como capital espiritual do continente

16/09/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu de mans do presidente da Fundación do Mérito Europeo, Jacques Santer, a Medalla de Ouro do Mérito Europeo concedida a Santiago "na súa condición de capital espiritual de Europa".

Sánchez Bugallo expresou o seu "agradecemento e satisfacción" polo outorgamento dunha distinción "da que nos sentimos orgullosos". Despois de explicar a relación de Luxemburgo con Santiago, o alcalde indicou que a Medalla é un estímulo para "seguir a contribuír ao futuro común de Europa" e para seguir construíndo "camiños de paz, convivencia e reconciliación".

Pola súa parte, o ex-presidente da Comisión Europea, Jacques Santer, resaltou que Santiago é a segunda cidade que recibe esta distinción, tras ser recoñecida Luxemburgo como capital política. Recordou o papel do Camiño de Santiago como punto de unión entre os diversos países europeos e como promotor dos valores do continente. "Santiago é o símbolo do espírito e da identidade de Europa", indicou.

As Medallas ao Mérito Europeo recoñecen a persoas e colectivos que prestaron servizos en prol da causa da Unión Europea. Santiago recibe a máxima distinción por este motivo, en forma de medalla de ouro. A condecoración recolle a configuración da Europa xeográfica. No medio sitúase Xúpiter transformado en touro que levanta Europa, rodeado das estrelas da bandeira de Europa. Na medalla pódese ler o lema "vontade, coñecemento, acción".

Acompañou a Jacques Santer no acto o representante español na Fundación do Mérito Europeo, Pablo Ruíz de Peralta, que tamén exerceu de tradutor.

Compartir: