XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a nova tipoloxía dos equipamentos da Rede de Centros Socioculturais

15/09/2009 O Goberno local aprobou a definición da Rede de Centros Socioculturais. Esta ordenación pretende garantir unha mellor atención á veciñanza e presentar unha oferta de actividades clara e homologable.

A definición da Rede de Centros Socioculturais acordada pola Xunta de Goberno crea unha unidade central de control administrativo e estabelece dunha tipoloxía de centros determinada en función dos criterios de capacidade física dos espazos e das posibilidades técnicas de prestación de servizos. Igualmente, distribúense as zonas operativas, fixando centros cabeceira e centros dependentes, con base, sobre todo, nas determinacións xeográficas. Ademais, establécense criterios orientadores da construción e dotación de novos centros de acordo coas tipoloxías indicadas.

De acordo a esta definición, créase unha unidade central da Rede, á que estarán adscritos os técnicos municipais responsables dos centros cabeceira, isto é: Vite, As Fontiñas, Conxo, O Castiñeiriño, A Trisca e O Ensanche. En total, establécense seis tipos de centros, segundo os seus servizos e horas de apertura.

En canto ás zonas, fíxanse cinco, á fronte das cales hai un centro de cabeceira. A zona A, co CSC de Vite como cabeceira, está formada tamén polos centros Casa Agraria, Vista Alegre, Romaño, A Graza, Almáciga, Brañas de Andrés e Santa Cristina de Fecha. A zona B lidéraa o CSC As Fontiñas e inclúe os locais de A Trisca, Bando, As Cancelas, Lavacolla, Amio, Viso e Casco Histórico. O CSC de Conxo encabeza a zona C, formada polos centros de A Rocha, Vidán, A Choupana, Laraño, Villestro, Figueiras e San Lourenzo. A zona D está composta, ademais de polo CSC do Castiñeiriño, polos de Pontepedriña, Cardeal Quiroga, Marrocos, Eixo-Bornais, Aríns e Sar. Finalmente, a zona E ten como centro de cabeceira o CSC O Ensanche, ao que quedan vinculados os centros rurais de Lamascal, Marantes, A Peregrina, Busto, Nemenzo, Grixoa, Verdía, Enfesta, Cesar e Carballal.

Tamén no eido dos Centros Socioculturais, a Xunta de Goberno aprobou o inicio do expediente de contratación da xestión e dinamización sociocultural e comunitaria da Rede Municipal de Centros Socioculturais. O tipo de licitación é de 820.743 euros mais IVE e o servizo contratarase por un período de dous anos (2009 e 2010).

Nun dos equipamentos desta rede, o de Figueiras, realizaranse obras de urbanización exterior. O Goberno local aprobou un orzamento de 120.086 euros máis IVE para esta intervención e iniciou o procedemento de contratación da mesma.

Cultura
En materia cultural, deuse o visto bo á sinatura de once convenios con entidades de carácter cultural. En total, suman unha achega municipal de 219.500 euros. As entidades beneficiarias son: Sala Nasa (60.000 euros), Fundación Torrente Ballester (30.000 euros); Asociación cultural e Tempo Libre de Novo Circo e Cabaret Galega (15.000), Asociación do Traxe Galego (6.000), Museo do Pobo Galego (15.000), Fundación Rosalía de Castro (7.000), Asociación Cultural Musical Solfa (6.500), Conservatorio de música tradicional e folque (25.000), Asociación Cultural O Galo (15.000), Asociación Cultural Barriga Verde (15.000) e Fundación Vía Galego (25.000).

Medio Ambiente
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a adxudicación provisional das obras de saneamento da Conca do río Aríns. En concreto, trátase da segunda fase de construción da rede de colectores secundarios. O custo da actuación é de 415.142 euros máis IVE.

Urbanismo
Na área de Urbanismo, aprobouse inicialmente a modificación puntual da normativa do Plan Parcial do SUNP-2 de Salgueiriños, no que atinxe ás condicións particulares de edificación da reserva de equipamento EDEP. Así substitúese a actual regulación por unha remisión á ordenanza do sistema de equipamento e dotacións do vixente Plan xeral. Trátase de autorizar os usos docentes, asistencial e deportivo da parcela na que se construirá a futura escola infantil de Salgueiriños.

Seguridade Cidadá
A proposta da concelleira de Seguridade Cidadá, adxudicáronse provisionalmente as obras de reforma interior das dependencias da Policía Local. O importe do contrato ascende a 129.150 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: