CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de matrícula nos obradoiros da Rede de Centros Socioculturais para o último trimestre de 2009

14/09/2009 Logo das actividades específicas do verán, a Rede de Centros Socioculturais retoma as actividades habituais no último trimestre do ano. O martes 15 de setembro ábrese o prazo de matrícula nos distintos obradoiros e cursos que ofrece a Rede, aínda que dependendo da actividade o prazo será diferente, polo que se recomenda aos interesados que o consulten no CSC do seu barrio ou parroquia.

A oferta contempla actividades para todas as idades e todos os gustos coas que pequenos e maiores comparten o espazo do Centros Sociocultural do seu barrio ou parroquia. O programa específico da Rede ofrece de novo diferentes viaxes e excursións; así como os programas Imos ao baile; Animémonos coa lectura; Obradoiro do Espectador e o Libro-Libre "Bookcrossing".

Todos os centros contan con actividades específicas para nenos e nenas, adultos e maiores. Os máis pequenos poden elixir entre debuxo, teatro, xadrez, diferentes instrumentos musicais, baile tradicional, moderno e ballet, informática, inglés, xogos e unha morea de actividades máis.

Pero non só os pequenos teñen onde elixir nos centros da Rede, senón que os adultos tamén teñen o seu espazo. Atoparanse con debuxo, aerobic, tai chi, teatro, capoeira, fotografía, encadernación, animación con plastilina, ioga, teatro, clube de lectura, informática, claqué, instrumentos musicais, risoterapia, encaixe de bolillos, manualidades ou bailes de salón. E os máis maiores tamén teñen actividades específicas para eles. Poden elixir entre ximnasia para a saúde, adestramento de memoria, animación na vellez, ximnasia terapéutica, risoterapia, iniciación á informática, novas tecnoloxías, maquetación e papiroflexia, ademais de charlas, visitas e excursións diferentes.

A estas actividades engadiranse as que realizan as asociacións e colectivos que colaboran con cada un deles. Estas son a Asociación de Música e Baile Tradicional de Conxo e a Asociación Fonte da Virxe no CSC Aurelio Aguirre de Conxo; a Asociación Amigos do Castiñeiriño, a de Mulleres Recandea e a de Veciños do Castiñeiriño no CSC destes barrio; as Asociacións Culturais-Musicais Solfa e Alfaia; Asociación ASBIGA; Falemos; a Asociación de Artrites, a de Párkison, a de Xerontoloxía e Xeriatría, Itínera, e ASSANA no CSC das Fontiñas; e ata 13 entidades diferentes no CSC Jose Saramago de Vite, entre as que se atopan a Asociación de Prensa de Santiago; a de Pais e Nais Separados ou a Coordinadora do propio barrio. E, para completar a oferta están as actividades puntuais como conferencias e exposicións, ademais de continuar cos programas que se fan en colaboración con outras entidades e institucións como Letras Vivas Animación e Creación, Domingos en familia, ou ciclos de cinema.

Compartir: