CONSORCIO

Xa se poden solicitar as axudas ao mantemento de edificos da cidade histórica de Santiago

11/09/2009 Están dirixidas a edificios que conten cun estado de conservación aceptable, sobre os que se actuará con traballos de mantemento en cubertas, fachadas, carpintarías de madeira e elementos comúns interiores durante 12 anos.O prazo estará aberto ata o 12 de novembro de 2009

O Consorcio de Santiago, coa colaboracion do Concello, a través da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, dentro das súas políticas de recuperación urbana, iniciou unha nova liña de axudas aos cidadáns para o mantemento de edificacións. Baixo o lema Ter é manter, o Consorcio pon en marcha o "Programa de axudas ao mantemento da envolvente exterior e dos elementos comúns interiores das edificacións da cidade histórica de Santiago de Compostela", que comeza cun orzamento de 200.000 euros nunha primeira fase. As axudas xa se poden solicitar na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), nos baixos do Pazo de Vaamonde (rúa do Vilar, nº 59).

O prazo remata o vindeiro 12 de novembro de 2009. As bases están publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 11 de setembro de 2009.

A axuda será do 50 % do custo de execución das obras de mantemento e o 50% dos honorarios profesionais.

Poderán ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio deberá ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos.

Qué se subvenciona
No período de 12 anos subvencionarase a realización dunha acción de mantemento intensa no edificio que comprenda cuberta, fachadas, galerías e carpintarías de madeira. Ademais, neste período volverase tres veces máis á cuberta e unha vez máis ás fachadas de orientación sur e oeste, as máis afectadas polo sol e pola combinación de auga e vento, que incluirá o mantemento das galerías e carpintarías de madeira. Nestes 12 anos subvencionarase ademais unha actuación sobre os elementos comúns interiores (escaleiras, por exemplo).

Para acceder á axuda será necesario contar, dunha banda, co ditame favorable do informe sobre o estado de conservación do edificio, e doutra, co propio plan de mantemento a 12 anos, axustado á realidade construtiva do edificio e que planifique as diferentes actuacións a levar a cabo nese período.

Técnicos do Consorcio e arquitectos colexiados serán os encargados de redactar tanto o informe como o plan. Neste senso, vense de firmar un convenio de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que permitirá crear unha bolsa de traballo pola cal un total de 10 arquitectos colexiados poderán participar no programa "Ter é manter".

Os elementos que constitúen a envolvente exterior dun edificio e dos elementos comúns catalogados interiores son, por exemplo:

•Fachadas (principias e medianeiras): carpintarías (portas, ventás e galerías), revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (soportais, pilastras, balcóns, cornisas reixas…), frontes comerciais (escaparates e rótulos).
•Cubertas: estrutura portante de madeira, material de cubrición, canlóns e baixantes, lucernarios, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (chemineas, baixo cubertas, pináculos, gárgolas…).
•Redes de accesos: carpintarías, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
•Comunicacións verticais: Estrutura, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
•Sistemas estruturais verticais de muros de carga e horizontais de madeira.

Ter é manter
Ademais, Ter é manter quere concienciar á cidadanía en xeral, e aos veciños da cidade histórica de Santiago en particular, da importancia da cultura do mantemento, clave para a conservación do patrimonio de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Esta campaña ven acompañada dunha imaxe innovadora baseada en animación gráfica, e conta cunha web propia (www.teremanter.eu), onde informarse sobre cómo solicitar as subvencións.Exemplo: a realización das obras de mantemento da envolvente exterior dun edificio tipo da cidade histórica de Santiago de Compostela de planta baixa e dúas alturas e 120 metros cadrados por planta, e dos seus elementos comúns interiores, durante os próximos 12 anos, supón un custo mensual de 15 euros para cada un dos 3 propietarios, unha vez descontada a subvención.

Compartir: