PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Concellaría de Promoción Económica abre o prazo de inscrición nos últimos cursos do Plan de Formación 2009

09/09/2009 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, anunciou a apertura do prazo para inscribirse nos últimos cursos do Plan de Formación 2009. O prazo para apuntarse nestes cursos comeza hoxe, 9 de setembro, e está previsto que remate o vindeiro día 15. As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

Cinco dos cursos pertencen ao sector da construción e están destinados a persoas desempregadas e/ou que traballen nesta actividade. Son: Autocad, Calefacción de edificioscon biomasa, Deseño de sistemas de aire acondicionado, Ofimática básica para a construción e Eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares. A sexta acción formativa é Inglés para atención de persoas estranxeiras, destinada a persoas propietarias e/ou empregadas do comercio ou a hostalería.

O Plan de Formación 2009 ten un orzamento de 122. 253 euros, e conta con 26 accións formativas gratuítas, (13 por teleformación e 13 presenciais). En conxunto, suman 929 horas lectivas, e ofertan un total de 430 prazas. A Concellaría de Promoción Económica deseñou este plan tendo en conta a difícil coxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumenten a súa capacitación profesional mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos que amplíen as súas expectativas de inserción laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas da cidade e, polo tanto, a competitividade das mesmas. O plan divídese en tres partes: unha destinada ao sector da construción. outra dirixida ao sector industrial e a persoas que recentemente puxeran en marcha unha iniciativa empresarial, e unha terceira dirixida a persoas propietarias ou empregadas do sector comercial e hostaleiro. Nesta parte está incluído o Curso de Inglés para a atención de persoas estranxeiras, do que se impartiron catro edicións e quedan pendentes outras dúas.

A formación destinada ao sector da construción ten como obxecto mellorar a cualificación das persoas desempregadas ou que traballan nesta actividade. Programáronse 12 cursos, incluíndo os cinco para os que se abre o prazo de inscrición, que suman 334 horas lectivas e ofertan 180 prazas, 15 por acción formativa. Os cursos foron seleccionados polas propias empresas. Trátase de cursos moi específicos sobre novos procedementos e tecnoloxías aplicables á construción: utilización das enerxías renovables, fontanería, revestimentos de fachadas, acabados de construción, idiomas, publicidade, informática…, etc. Están centrados naqueles subsectores que na actual conxuntura económica ten maior probabilidade de xerar contratacións. Os sete cursos do sector da construción desenvolvidos no primeiro semestre do ano contaron con 105 prazas e sumaron 194 horas lectivas. Foron Análise de proxectos de enerxías renovables, Talla en canteiría, Operador/a de maquinaria de obras públicas, Enerxía solar fotovoltaica, Operador/a de carretillas elevadoras e dumper, Reformas e mantemento de edificios e Fontanería. Para estes sete cursos recibíronse 291 solicitudes de inscrición.

Destinado ao sector comercial e hostaleiro, o Curso de inglés para a atención de persoas extranxeiras conta con 50 prazas divididas en seis edicións que suman 240 horas lectivas. Cada persoa que acceda ao curso recibirá formación persoalizada e adaptada ao seu propio negocio (con vocabulario específico), evitando os problemas que normalmente limitan a participación do comercio en actividades formativas: a incompatibilidade co horario comercial e a falta de adaptación á realidade concreta do sector. Este sistema formativo foi empregado anteriormente con éxito no programa Equal Compostela Social, e no Plan Formativo do 2008 en materia de Escaparatismo e Interiorismo. O sector comercial é un sector básico na planificación económica, tanto pola súa repercusión social como por constituír unha fonte importante de xeración de riqueza e emprego. Especialmente importante para Santiago de Compostela é a hostalería, pola especialización que a nosa economía local ten no sector turístico. Tanto este curso, como a maioría dos programados para o sector industrial, enmárcanse na xestión e difusión comercial de pequenas e medianas empresas, polo que son de gran utilidade para o sector comercial e hostaleiro.

As outras 13 accións formativas están destinadas ao empresariado, a persoas que estean traballando nunha empresa e a persoas emprendedoras. Estánse impartindo neste momento por internet, a través da Plataforma de formación maiscompostela, á que se accede desde a páxina web da Concellaría de Promoción Económica:.www.maiscompostela.org. Suman 355 horas lectivas e contan con 200 prazas. Son Habilidades directivas, Calidade, Loxística integral, Liderazgo e xestión de equipos, E-marketing, Organización e comunicación na empresa, Xestión Laboral, Presentacións eficaces, Atención á clientela, Xestión Tributaria, Xestión contable, Axudas públicas, e Marqueting e PEMES. O sistema de teleformación está pensado para facelos máis accesibles a un público que ten serias limitacións para seguir horarios fixos e participar en actividades formativas de carácter presencial. Para estes cursos, presentáronse 637 solicitudes pertencentes a 136 persoas.

Datos dos Cursos
Prazo de inscrición: entre o 9 e o 15 de setembro.
•Autocad: de 30 horas de duración, está previsto que se desenvolva entre o 13 e o 28 de outubro. Este curso formará ás persoas participantes nas técnicas e coñecementos para manexar o programa de deseño Autocad.
•Calefacción de edificios con biomasa: de 30 horas de duración, está previsto que se desenvolva entre o 15 de setembro e o 3 de outubro. Este curso capacitará ao almunado para deseñar e analizar a viabilidade de instalacións de calefacción en edificios con caldeiras de biomasa.
•Deseño de sistemas de aire acondicionado: de 30 horas de duración, está previsto que se desenvolva entre o 26 de outubro e o 6 de novembro. Este curso capacitará ao alumnado para deseñar e calcular instalacións de climatización por aire acondiconado, así como a planificación do mantemento e a posta en servizo.
•Ofimática básica para a construción: de 30 horas de duración, está previsto que se desenvolva entre o 1 e o 19 de outubro. Este curso formará ás persoas participantes nos seguintes programas informáticos: microsoft word 2000, microsof excel 2000, microsoft powepoint 2000.
•Eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares: de 30 horas de duración, está previsto que se desenvolva entre o 13 e o 31 de outubro. Capacitará ao alumnado para analizar e mellorar os elementos clave na eficiencia enerxética en edificacións.
•Inglés para a atención de persoas estranxeiras: está dividido en seis edicións, de 40 horas cada unha delas. Catro xa se impartiron, e está previsto, antes de final de ano, impartir as outras dúas, para as que agora se abre o prazo de inscrición. É un curso personalizado, destinado ao sector comercial e hostaleiro, con vocabulario específico dependendo do sector de actividade no que se traballe.

Compartir: