TRANSPORTES

O xoves 10 de setembro entran en vigor os horarios de inverno no servizo de transporte urbano.

08/09/2009 O concelleiro de Transportes e Mobilidade, Carlos Nieves, presentou en rolda de prensa os horarios de inverno do transporte urbano, que entrarán en funcionamento este xoves.

Nos últimos anos, na rede de transporte realizáronse distintas medidas tanto administrativas como de optimización de recursos que levou a un asentamento total do mapa de liñas na cidade.

As infraestruturas que se están a realizar, tales coma o túnel da zona de Galuresa e a remodelación de rúas tanto no ensanche da cidade como en moitos dos barrios do Concello, fan pensar nun futuro gran proxecto de remodelación da rede. É por iso que dende o Concello de Santiago se está a traballar na redacción do prego de condicións do PMUS (plan de mobilidade urbana sostíbel), que de xeito inminente sairá a licitación e no que se están a recoller todos os aspectos relacionados coa mobilidade dos cidadáns e visitantes da nosa cidade. É evidente que o transporte ten un gran peso neste prego e que a ben seguro recollerá tanto as demandas como unha adecuación da actual oferta ás novas necesidades que se están a presentar.

Por todo iso, dende a sociedade municipal TUSSA estabelecéronse dúas prioridades na configuración destes novos horarios: a adecuación da rede ás novas infraestruturas e a continua mellora nos sistemas de información.

No tocante á adecuación ás infraestruturas, as principais novidades están nas liñas que circulan no contorno da Avda. de Ferrol, Sánchez Freire, García Prieto e Avda. de Vilagarcía. Neste caso, e adiantándonos ao remate das obras, os percorridos xa se verán modificados, de xeito que a penetración das liñas dende a rotonda de Conxo ata o centro da cidade se fará dende o inicio da Avda. de Ferrol, incorporando tres novas paradas na devandita rúa: a primeira na praza da Mercé, a segunda á altura do número 49 (confluencia coa rúa Xosé Pasín) e a última parada deste tramo na última praza da rúa. É probábel que, sen que se trate de grandes modificacións, a estrutura doutras liñas se vexa modificada durante o inverno.

En segundo lugar, fíxose unha importante análise no sistema de información, onde primou o achegamento e o intento de mellorar a comprensión das liñas e percorridos urbanos. En primeiro lugar divídense as liñas en tres grandes áreas: liñas urbanas (10 liñas), liñas urbanas circulares (6 liñas) e liñas periféricas (8 liñas). Esta división, que aparecerá de xeito claro nos horarios coas distintas denominacións, serve para clarificar a tipoloxía das liñas, aspecto importante, xa que dado que o transbordo é gratuíto isto facilitará a información.

Cabe destacar os seguintes aspectos:

•O feito de aclarar as liñas que son circulares é principalmente dende o punto de vista tarifario, xa que observamos certo descoñecemento sobre as liñas; neste sentido aproveitamos para lembrar a todos os usuarios que unha das vantaxes da liña circular é que se pode ir dende a parada onde se colle o bus ata esa mesma parada sen aboar máis que un só título de viaxe.

•O feito de numerar as liñas periféricas, obedece a que, ao igual que sucede nas liñas urbanas, os usuarios reclaman saber de xeito claro cal é a "súa" liña, e coa denominación (Villestro, Ortoño…) non parecía suficiente.

Deste xeito, a denominación das liñas queda da seguinte maneira:

Liñas urbanas
LIÑA 1. polígono do Tambre / hospital Clínico
LIÑA 2. Rocha Vella /estación de autobuses
LIÑA 4. Romaño / Vista Alegre / As Cancelas
LIÑA 5. Vite / estación de autobuses / praza Roxa / Conxo / A Rocha
LIÑA 6. San Lázaro / Os Tilos
LIÑA 7. San Roque / Aríns
LIÑA 8. Belvís / San Lourenzo / Vidán
LIÑA 12. Os Tilos / hospitais
LIÑA 13. tanatonio Boisaca / polígono do Tambre / Guadalupe / Casas Novas
LIÑA 15. campus norte (Vite) / praza de Galicia / campus sur

Liñas urbanas circulares
LIÑA C2. Est. de autobuses / Fontiñas / hospitais / Vite / Est. de autobuses
LIÑA C4. Est. de autobuses / Vite / hospitais / Fontiñas / Est. de autobuses
LIÑA C5. Pgno. Costa Vella / praza de Galicia / Paxonal / Amio /Pgno. Costa Vella
LIÑA C6. Pgno. Costa Vella / Amio / Paxonal / praza de Galicia / Amio / Pgno. Costa Vella
LIÑA C9. Viso (multiusos Fontes do Sar) / praza de Galicia / A Rosa / Viso (multiusos Fontes do Sar)
LIÑA C11. Circular de Fontiñas

Liñas periféricas
LIÑA P1. estación de autobuses / FIGUEIRAS
LIÑA P2. estación de autobuses / ORTOÑO
LIÑA P3. San Roque / SANTA LUCÍA / A PAJUELA
LIÑA P4. praza de Galicia / SIONLLA
LIÑA P5. rúa Senra / SON
LIÑA P6. Hórreo / BANDO / VILAMAIOR
LIÑA P7. PEREGRINA / GRIXOA / Porta do Camiño
LIÑA P8. San Roque / VILLESTRO

Para coñecer toda a información poden consultar a páxina web www.tussa.org. Ademais editaranse 30.000 folletos informativos que estarán a disposición dos usuarios a partir desta mesma semana nos propios autobuses, nas oficinas de TUSSA, na estación de autobuses, na oficina de Atención ao Cidadán e na Casa das Asociacións.

Así mesmo, lembramos que a empresa operadora Tralusa ten á súa disposición o teléfono 901 120 054 os 365 días do ano no horario de funcionamento do servizo, teléfono no que lles poderán informar de horarios, rutas e tempo estimado de espera nunha parada determinada.

Compartir: