TURISMO

Santiago mantense no verán á cabeza do Estado no sector turístico, aínda que descenden as pernoctacións internacionais

04/09/2009 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, fixo unha primeira valoración dos resultados turísticos dos meses de xullo e agosto en Santiago. O concelleiro apuntou que a cidade ocupou nos meses de verán as primeiras posicións estatais no sector turístico, facendo referencia aos datos do INE e de OCUPATUR, un estudo elaborado polo Instituto de Estudios Turísticos, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que analiza a porcentaxe de ocupación no mes de agosto.

Non obstante, Iglesias dixo que tiña que facerse unha lectura prudente dos datos, posto que hai signos negativos que preocupan ao sector turístico da cidade. Por unha banda percíbese un descenso no gasto medio das persoas que nos visitan. E por outra, hai un importante descenso no turismo internacional que chega á cidade. Por esta razón, Iglesias incidíu na importancia de garantir as conexións internacionas de Lavacolla e incluso amplialas a curto e medio prazo.

Xullo No mes de xullo producíronse en Santiago 126.211 pernotacións, un crecemento do 7,67% respecto das 117.225 que se deron no mes de xullo do ano pasado, segundo os datos do INE. Estes datos contrastan coa caída do 5,5% que se produxo a nivel estatal e do 1,06% no conxunto de Galicia. O crecemento en xullo debeuse ao forte incremento do turismo estatal, que chegou ás 82.082 pernotacións, un 15,43% máis que as 71.107 do ano pasado. Sen embargo, o turismo internacional descendeu un 4,31%, pasando das 46.118 pernotacións do ano pasado ás 44.129 deste ano.

Santiago foi a quinta cidade que máis creceu das Cidades Patrimonio da Humanidade e da España Verde, os grupos compostos polos destinos turísticos comparables a Compostela. As cidades que creceron máis que Santiago foron: Cáceres, 13,37%; Vitoria, 13,18%; A Coruña, 10,41% e Oviedo, 9,13%. Pola contra, o resto das cidades tivo datos inferiores aos de Santiago: San Sebastián, 0,73%; Xixón, 0,28%; Santander, 1,16%; Bilbao, 6,50; Ávila, -11,73%; Córdoba, -8,38%; Cuenca, -5,53%; Salamanca, -4,50%; Segovia, -9,72%; Toledo, -8,23% e Vigo, 2,49%.

Agosto No mes de agosto Santiago foi a terceira cidade do Estado en porcentaxe de ocupación, segundo OCUPATUR. Santiago alcanzou neste mes un porcentaxe de ocupación do 75%, catorce puntos por riba da media das cidades do Estado, que foi do 61%. As únicas cidades que tiveron maior porcentaxe de ocupación foron Barcelona, cun 80%, e Málaga, cun 76%.

Acumulado anual (xaneiro-xullo)
No acumulado anual Santiago creceu un 1,37% en pernotacións respecto do 2008, subindo das 636.552 do ano pasado ata as 645.257 deste ano, segundo os datos do INE para o periodo entre xaneiro e xullo (os datos de agosto do INE aínda non están dispoñibles). Pola contra, neste periodo, o conxunto do Estado descendeu un 8,5% e Galicia un 8,73%.

O crecemento de Santiago entre xaneiro e xullo apoiouse no aumento do turismo doméstico, que creceu un 5,79%, chegando ata as 446.390 pernoctacións, fronte ás 421.958 do ano pasado. Sen embargo, hai un forte descenso do turismo internacional. En concreto, o turismo internacional descendeu un 7,33% no que vai de ano, baixando das 214.594 pernoctacións do ano 2008, ás 198.867 deste ano.

Santiago é Bilbao, cun 1,87%, son as únicas cidades que crecen nos primeiros sete meses do ano das Cidades Patrimonio da Humanidade e da España Verde. Os datos foron: Vitoria, -2,03%; San Sebastián, -3,27%; Xixón, -13,26%; Oviedo, -9,57%; Santander, -1,40%; Ávila, -14,28%; Cáceres, -3,51%; Córdoba, -9,35%; Cuenca, -11,53%; Salamanca, -4,57%; Segovia, -8,04%; Toledo, -6,46%; A Coruña, -11,24% e Vigo -13,03%.

Compartir: