TURISMO

Os ‘Chaquetas Vermellas’ atenderon 33.609 consultas en xullo e agosto

03/09/2009 Turismo de Santiago, co obxectivo de prestar un servizo de información turística máis áxil e eficaz, puxo en funcionamento un ano máis a un grupo de voluntarios, denominado "Chaquetas Vermellas" polo seu vistoso uniforme, que estivo en funcionamento na temporada alta turística. O programa conta coa colaboración do Consello Social e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

O grupo de informadores móbiles estivo presente nas principais rúas e prazas da Cidade Histórica, onde prestaron servizos de información turística. Os ‘Chaquetas Vermellas’ informaron ás persoas que visitaron Santiago sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer da cidade, aloxamentos, medios de transporte, enderezos e moitas outras cuestións.

Ademais, os "Chaquetas Vermellas" colaboraron na xestión de fluxos nas rúas para evitar aglomeracións no contorno da Catedral, suxerindo outros lugares a visitar, indicando onde se atopan os recursos turísticos, estabelecementos de hostalería, medios de transporte (aeroporto, estacións), etc.

O número de consultas atendidas este verán foi de 33.609. Isto significa un crecemento do 25% respecto das 26.762 que se atenderon no verán do 2008. O 73,05% das consultas foron de persoas procedentes do conxunto do Estado e o 26,95% restante de persoas foron visitantes internacionais.

Por Comunidades Autónomas, Madrid foi a que fixo un maior número de consultas, con 4.760, seguida de Cataluña, 4.443, Andalucia, 3.309, Valencia, 2.648, País Vasco, 1.695, Castela-León, 1.316. O número de consultas atendidas de persoas procedentes doutros puntos de Galicia foi de 953. Tamén se atenderon 318 consultas de persoas de Santiago.
Respecto das consultas internacionais, Italia ocupou o primeiro lugar, con 2.290, seguida de Francia, 1.201, Alemaña, 1.019, Portugal, 749, Estados Unidos, 327, Reino Unido, 321, Argentina, 241, Holanda, 226, Brasil, 202, Polonia, 195. En total, atendéronse consultas de persoas procedentes de máis de 40 países, un dato que amosa o atractivo internacional de Santiago como destino turístico.

Compartir: