CULTURA

Setembro encherá Santiago de música e teatro

03/09/2009 Socorro García Conde e máis Paulo Rodríguez presentaron esta mañá na Casa do Concello a programación cultural para este mes de setembro, na que destaca especialmente os concertos do X Ciclo de Lied. Ademais, haberá lugar para teatro, a danza, exposicións e as actividades das semanas culturais dos centros socioculturais de Conxo e A Rocha.

Diversos medios de comunicación facíanse eco estes primeiros días de setembro dunha baixada na programación cultural de Compostela, adxudicándoa ao remate do Festival dos Abrazos. Malia que tales valoracións representan para Socorro García toda unha proba do éxito da proposta municipal para o mes de agosto, a concelleira aseguraba esta mañá que a axenda cultural deste mes vai ser "cando menos tan rica como meses de setembro anteriores".

A edil nacionalista presentaba así unha axenda nutrida e variada tanto en disciplinas como en espectáculos. No apartado musical, por exemplo, setembro achegará ao Teatro Principal tres dos concertos do X Ciclo de Lied, que baixo o título O círculo máxico dos mestres do Lied presenta un programa centrados nos mestres alemáns do xénero.

Ademais, tamén se iniciará a tempada de abono da Real Filharmonía de Galicia co seu tradicional concerto na catedral. Baixo a batuta de Maximino Zumalave incluirá a peza 'Canto a Santiago', do mestre Pérez Gutiérrez, nun concerto que en palabras da concelleira "abrirá a temporada con éxito". Paulo Rodríguez quixo resaltar o feito de que se trata dun evento gratuíto, malia que a limitación do aforo faga necesaria a retirada previa dunha invitación. Por último, destaca dentro das actividades musicais o inicio dos concertos da Banda Municipal de música, que desde o día 10 ofrecerán a súa música os xoves e domingos na Rúa do Vilar.

Teatro, danza, exposicións e actividades nos centros socioculturais
Ademais da música, haberá espazo tamén para o teatro e a danza neste comezo do outono. A obra Días de vino y rosas, que se inscribe no ciclo 'Teatro e Danza en Xira', protagonizada por Carmelo Gómez e Silvia Abascal será unha das citas máis destacadas. Esta historia de amor truncada polo alcoholismo poderá verse no Teatro Principal os días 19 e 20 do mes.

O público da cidade tamén poderá ver sobre as táboas a obra Bailadela da morte ditosa, do autor compostelán Roberto Vidal Bolaño e 'Frida Kahlo', unha biografía da pintora posta en escena por Jorge Rey. Dentro do apartado escénico, aínda que no apartado de danza, cabe salientar tamén o espectáculo Las verdades duelen da compañía local D2, unha estrea que segundo Paulo Rodríguez vai en consonancia coa intención de dar cabida na programación municipal aos creadores locais.

Completa as citas salientables da programación a exposición fotográfica Latexos dun mundo convulso, unha mostra colectiva comisariada por Sandra Balsells que reflexiona sobre os conflitos actuais do mundo occidental, como as guerras, a fame ou a crise. Con imaxes de Javier Bauluz, Cristina García Rodero ou Enric Martí entre outros, poderá verse no Auditorio de Galicia a partir do día 17 de setembro.

Por último, cabe destacar a celebración da Semana Cultural dos Centros Socioculturais de Conxo e a Rocha. Entre o oito e o doce do mes no caso de Conxo e do vinte ao vintesete no da Rocha, ofrecerase concentrada nun tempo e nun espacio concretos unha pluralidade de programación. Neste sentido, Socorro García quixo poñer de manifesto que estas actividades nos centros socioculturais responden ao interese de "levar aos barrios períféricos a actividade cultural que tradicionalmente se concentra na zona centro, achegándoa así aos veciñós e veciñas".

Compartir: