EDUCACIÓN

O alcalde inaugura un congreso que aborda a identidade local, nacional e internacional nos libros de texto

03/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A.Sánchez Bugallo, deu o pistoletazo de saída á 10th International Conference on Textbooks and Educational Media (Décimo Congreso Internacional de Libros de Texto e de Educación multimedia) que ata o próximo día 5 de setembro desenvolverá as súas sesións de traballo no Auditorio de Galicia.Na sesión inaugural tamén participou a concelleira de Educación, o reitor da USC, o conselleiro de Educación, e o director do Instituto de Formación del Profesorado del Ministerio de Educación, entre outras autoridades.

A concellería de Educación deste Concello, ademais de colaborar en diferentes aspectos organizativos deste congreso, manterá aberto un stand no que se darán a coñecer diferentes recursos didácticos e programas educativos do Concello de Santiago de Compostela.

O Congreso está organizado por IARTEM, unha comunidade internacional de investigadores que promoven investigacións sobre libros de texto e recursos educativos, establecendo contactos entre todas as partes implicadas neste eido e que ten entre as súas actividades fundamentais a organización bianual do congreso no que participan profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e países relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos.

En ocasións anteriores, os congresos internacionais da organización celebráronse en países como Suecia, Finlandia, Dinamarca, Noruega, os Países Baixos, Estonia, Eslovaquia, Francia e Madagascar.

Nesta ocasión o congreso terá coma eixe principal o tema das identidades locais, nacionais e transnacionais nos libros de texto, tratando temas como a linguaxe, a identidade, a contorna e os materiais para a ensinanza; a produción de libros de texto desde distintos puntos de vista, tendo en conta factores como a integración cultural e a diversidade sociocultural; a selección de libros de texto e recursos educativos; e a situación do sector en España. Ao tempo, tamén se debaterá o futuro do libro en papel e das novas tecnoloxías no contexto educativo.

En total está prevista a presenza de representantes de 150 profesionais e expertos de 40 países, relacionados cos libros texto e materiais didácticos (asociacións de editores, investigadores do ámbito universitario, profesores, representantes de ministerios de educación, entre outros). Así mesmo, vanse presentar arredor de 100 traballos de investigación relacionados co tema.

A presidenta de IARTEM manifestou que Galicia é un lugar idóneo para a celebración deste congreso, ao contar con dúas linguas oficiais. "Queremos coñecer esa experiencia", explicou. O Ministerio de Educación referiuse ademais á importancia deste debate pola introdución das novas tecnoloxías como recursos educativos. Neste senso sinalou que o Ministerio e as Comunidades Autónomas están a traballar nun proxecto que amplía a idea do libro de texto, coa posta a disposición de obxectos dixitais interactivos á comunidade educativa, en todas as linguas oficiais do Estado e en inglés.

A 10th International Conference on Textbooks and Educational Media (Décimo Congreso Internacional e de Educación media) organizado por IARTEM, The International Association for Research on Textbooks and Educational Media (Asociación internacional para a investigación sobre libros de texto e educación multimedia) conta coa colaboración das seguintes institucións: Secretería de Estado de Educación e Formación Profesional, Consellería de Educación da Xunta de Galicia, Reitorado da USC, concellería de Educación do Concello de Santiago, Asociación Nacional de Editores de libros e material de Ensinanza (ANELE), Asociación Galega de Editores (AGE), Instituto de Ciencias da Educación (ICE), Nova Escola Galega (NEG), e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG).

Para máis información pode consultarse a páxina web www.iartem.no

Compartir: