ALCALDÍA

Compostela acollerá as VI Xornadas Nacionais de Xustiza e Comunicación

03/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi, o novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, despois da súa toma de posesión, quen invitou o rexedor a participar nas VI Xornadas Nacionais de Xustiza e Comunicación que se celebrarán en novembro.

Ambos mandatarios expresaron tralo encontro a máxima vontade de colaboración entre as institucións en todos os campos posibles, como xa se viña producindo ata o de agora. O rexedor compostelán salientou a importancia dunha xustiza forte como servizo público e deixou patente a intención do Concello de axudar no posible para que así sexa. De feito, o novo edificio xudicial que se contruirá en Santiago farase nos terreos cedidos pola entidade municipal no barrio das Fontiñas.

Pola súa banda, o presidente do TSXG aproveitou a visita para invitar o alcalde a participar nas VI Xornadas Nacionais de Xustiza e Comunicación, auspiciadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que terán lugar en Santiago o vindeiro mes de novembro. Será a primeira vez que este encontro se celebre en Galicia. Así mesmo, amosou a sensibilidade do órgano que dirixe para solventar os problemas que en materia de infraestrutura xudicial e de carga de traballo nalgúnhs xulgados ten Santiago.

Compartir: