CULTURA

O 'X Ciclo de Lied' dará a coñecer aos grandes compositores do xénero

02/09/2009 O 'Ciclo de Lied de Santiago de Compostela' achegará un ano máis ao Teatro Principal o xénero musical xermánico. Esta mañá foi presentada na Casa do Concello a programación deste ciclo, que como cada ano estará composto por catro concertos e unha conferencia explicativa. No acto estiveron presentes Socorro García, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Ignacio Santos, director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Víctor Carou, presidente da Asociación Lírica Galega.

O Ciclo de Lied chega un outono máis á cidade de Compostela. Como cada ano, desde hai xa dez, a concellaría de Cultura e Centros Socioculturais organiza un programa de concertos de cámara que pese a compoñerse de só catro recitais, "coloca á cidade nunha posición de vangarda respecto ao panorama musical galego" indicou Socorro García. Tanto o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que colabora coa celebración do ciclo desde hai catro edicións, como o presidente da Asociación Galega da Lírica, organizadora tamén do ciclo, foron máis aló e non dubidaron en calificar este programa como unha cita senlleira en todo o Estado.

O ciclo ofrecerá, como ven facendo nas súas diferentes edicións, unha visión específica do xénero musical, o que supón unha das singularidades do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela. O núcleo temático dos concertos de 2009 serán os autores alemáns máis representativos, os que segundo o presidente da Asociación Galega da Lírica e codirector do programa, 'deixaron algunhas das páxinas máis memorables do xénero'. Nese sentido, o título escollido para esta décima edición responde a unha tradución libre dos Liederkreis de Schumann, que formarán parte dos programas de dous dos concertos.

A conferencia O círculo máxico dos mestres do Lied, que presentará a eses compositores imprescindibles, dará comezo o próximo día 10 de setembro ao ciclo. Roger Vignoles, codirector do ciclo e pianista dos catro concertos, explicará entón con exemplos o que será o fío condutor do programa deste ano, dedicado aos compositores alemáns máis emblemáticos, como son Schubert, Schumann e Wolf. Esta conferencia representa, en palabras da concelleira de Cultura, 'un esforzo por dar a coñecer e difundir os contidos musicais máis aló da escoita'.

Dúas cantantes coñecidas e dúas voces novas para todos os públicos
No programa deste ano, os afeccionados ao lied poderán gozar coa presenza de dúas voces que xa participaron en edicións anteriores e máis descubrir a outras dúas figuras do xénero. Así, no primeiro concerto que terá lugar o 11 de setembro, o barítono austríaco Florian Boesch aterrará por primeira vez no ciclo compostelán ofrecendo un programa inspirado nos textos de Heinrich Heine, un dos poetas románticos que máis utilizado polos compositores de lied. O outro descubrimento deste ano será o tenor Werner Güra, quen o 29 de setembro se presentará por primeira vez ante o público da cidade.

Pola súa banda, as voces de Camilla Tilling e Bernarda Fink xa teñen deleitado aos afeccionados santiagueses en edicións anteriores do Ciclo de Lied. Tilling, soprano sueca que ofrecerá o seu talento o 22 de setembro, participara no ciclo hai cinco anos, causando malia ser moi nova unha magnífica impresión. Pola súa banda Bernarda Fink será a encargada de pechar o ciclo o próximo 15 de outubro. A mezzosoprano participará entón por terceira vez no ciclo, tras ter actuado na segunda edición do mesmo e tamén na celebrada en 2003.

Os abonos para estes catro concertos xa están dispoñibles a un prezo de 15 euros no servizo de venda telefónica de Caixa Galicia, no número 902 434 443. Ademais, os días sete e oito de setembro poderán adquirirse tamén no despacho de billetes do Teatro Principal. As entradas para cada un dos concertos por separado poderán mercarse desde o día oito de setembro na billetería electrónica de Caixa Galicia ou ben o mesmo día de cada concerto no propio Teatro Principal, cun prezo de seis euros.

O codirector do ciclo, Víctor Carou, aproveitou a presentación para animar a todo o público, e non só ao especializado, a acudir aos concertos para descubrir un xénero con moitísima vida. Ademais, sinalou que os asistentes contarán como sempre coas traducións dos textos, polo que "sen dúbida disfrutarán e repetirán". Pola súa banda, Socorro García subliñou que o programa deste ano vai permitir "achegarnos aos autores máis representativos do Lied", ao tempo que agradeceu ás dúas entidades colaboradoras o seu intenso traballo para a celebración deste ciclo.

Compartir: