XUNTA DE GOBERNO

Concello e Xunta mellorarán a rede de abastecemento de Piñeiro

01/09/2009 A primeira Xunta de Goberno Local de setembro acordou formalizar a solicitude de inclusión das obras de ampliación da rede de abastecemento do lugar de Piñeiro no Proxecto Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), que executa a Consellería de Medio Rural.

Deste xeito, o goberno galego asume con cargo aos seus orzamento no marco do PEIM RURAL 2009 esta actuación cun importe aproximado de 93.232 euros. Así mesmo, a Xunta de Goberno local autorizou a sinatura do acordo de aceptación de condicións, previo á sinatura do convenio, e a remisión do testemuño dos acordos á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Tamén se trataron outros asuntos como a dación de conta dunha subvención por importe de 19.805 euros concedidos pola Xunta ao Plan de programación do tempo da cidade ou a aprobación da composición da Comisión Avaliadora da convocatoria de subvencións á realización de actividades de Promoción e Dinamización Comercial.

Por último, acordouse financiar o importe do orzamento dos gastos do persoal adscrito ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) que non resulte subvencionado pola Xunta ata o importe total da execución prevista. O orzamento total de gastos do persoal adscrito ao CIM é de 207.030 euros, e o importe a subvencionar é de 40.000 euros, o que representa unha porcentaxe en relación co custo total do antedito persoal do 19,32%.

Compartir: