CONSORCIO DE SANTIAGO

Villanueva Prieto xa é xerente do Consorcio

03/11/2005 Xosé Manuel Villanueva Prieto comezou este mes a traballar como xerente do Consorcio de Santiago, substituíndo no cargo a Homero Pérez Quintana.

O pasado 7 de outubro Xosé Manuel Villanueva, que fora concelleiro no Concello de Santiago en pasadas lexislaturas, era nomeado xerente polo Consello de Administración do Consorcio de Santiago, presidido polo alcalde compostelán e presidente desta entidade, Xosé A. Sánchez Bugallo. O nomeamento fíxose efectivo a partir do día 1 de novembro.

Unha das primeiras tarefas que desenvolverá Villanueva será facer unha proposta sobre o funcionamento interno do Consorcio e organizar a distribución dos orzamentos para o vindeiro ano.

Xosé Manuel Villanueva participou na creación do Consorcio, colaborando na elaboración dos seus estatutos, e foi membro do primeiro Consello de Administración.

O Consorcio é unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, de titularidade do municipio de Santiago, creado polas Administracións do Estado, Comunidade Autónoma de Galicia e o municipio de Santiago de Compostela.

Entre os seus fins destacan os de servir de apoio e de xestión ao Real Padroado da Cidade de Santiago; asegurar o mantemento e a axeitada xestión das instalacións, equipamentos e servizos dotados como consecuencia de actuacións acordadas polo mesmo Real Padroado; e promover o exercicio coordinado das competencias da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e do municipio.

Compartir: