CULTURA

O Teatro de Marionetas do Porto converte o Teatro Principal nun cabaré melancólico inspirado nos anos cincuenta

27/08/2009 O Festival dos Abrazos pecha o seu espazo para as artes escénicas cun espectáculo dunha das compañías de monicreques máis recoñecidas en Europa, o Teatro de Marionetas do Porto, que representa a súa peza Cabaret Molotov. A función terá lugar no Teatro Principal o venres 28 ás 20:30 horas.

O Molotov é un cabaré melancólico, inspirado pola memoria. Por el deambulan coristas apaixonadas, trapecistas, clowns absurdos, músicos de sete instrumentos, homes-coello, homes-bala, osos ciclistas, caniches, cantores, bailaríns e bailarinas que danzan ao son de valses, tangos, polkas, tarantelas e vellas cancións de Kurt Weill. É un encontro coa poética do circo e unha aproximación ao teatro musical de monicreques dos anos cincuenta.

O Teatro de Marionetas do Porto naceu en 1988 e, nunha primeira fase, centrou a súa actividade na montaxe de espectáculos a partir da investigación sobre o patrimonio popular. Desta etapa destaca o seu estudo e reconstitución do Teatro de Dom Roberto, fantoches de tradición portuguesa herdados do mestre António Dias, último representante de toda unha xeración de bonequeiros itinerantes.

A partir das raíces, a compañía evolucionou ao longo das súas máis de trinta creacións cara a un traballo máis experimental, na procura de elementos de modernidade nas marionetas. De aí que a súa práctica actual revele unha visión non convencional dos monicreques, explorando novas posibilidades da gramática desta linguaxe teatral e a súa relación con outras áreas de expresión como a danza, as artes plásticas, a música e a imaxe.

Foi na segunda metade da década dos noventa cando a compañía rexistrou a consolidación do seu proxecto artístico, que a levou a transcender o espazo do Teatro Belbonte, a súa sede no Porto, e comezar un itinerario por medio mundo. España, Francia, Italia, Irlanda, Israel, Brasil, Cabo Verde, China e Canadá son só algúns dos países que integran o seu historial. En 2008 conmemorou os seus vinte anos de actividade e, para reunir o acervo de todo ese tempo, emprendeu o proxecto do Museo de Marionetas do Porto. De próxima apertura na rúa das Flores, no centro histórico da cidade, contará con preto de 1.200 pezas entre bonecos, escenarios e atrezzo.

A representación do Teatro de Marionetas do Porto é a terceira e última actividade de pago no Festival dos Abrazos. O custe da entrada é de 3 euros e os billetes estarán á venda no propio Teatro Principal ao longo de todo o día. O horario do despacho de billetes é de 12:30 a 14:00 horas pola mañá e de 17:30 horas ata o inicio do espectáculo pola tarde.

Jazz, psicodelia, música taberneira e folk
O apartado musical do día vén encabezado polo concerto do grupo asturiano Zem ás 21:30 horas no parque de Vista Alegre. O proxecto de Zem naceu no ano 2000 para explorar o espazo entre o jazz e o rock. Rubén Mol, Luiggi Tudermis e o vibrafonista e compositor Xuan Zem iniciaron daquela unha aventura á que agora se sumaron outros tres músicos de luxo, os Ilegales Jorge Martínez, Rafa Kas e Rafa Flores. Dous discos editados por Pias e varias performances xunto ao artista plástico Cuco Suárez son algúns dos pasos dados por esta banda no camiño da psicodelia e o jazz experimental.

As cantoras tabernarias -Guadi Galego, Uxía e Ugia Pedreira, acompañadas por Pedro Pacual ao acordeón- fan unha revisión do legado musical das tascas, na rúa de San Pedro ás 19:30 horas. Tres amigas xúntanse cunha mesma querenza, a de revisar a música dos portos e das cantinas (etimoloxicamente "adega na que se canta") e de reivindicar a importancia da taberna como lugar de reunión e cohesión social.

"Entre Casa Palmira, Casa María e o Teleclube de Vilaronte que rexentou o meu pai descubrín as cancións malandras e a transformación que os galegos facían das mexicanadas, tangos e músicas cubanas", sinala Ugia Pedreira. As tres cantoras recrearán un repertorio que vai dende "Eu de Marín ausenteime" e "Na beira do mar" ata a peza rescatada do cancioneiro do Cuco de Velle "A la Habana quiero ir". Esta é a penúltima proposta da plataforma de lanzamento do festival, os Abrazos Off.

A nota máis folk chega da man de Óscar Fernández, que actúa na igrexa de Santa María do Camiño, sede dos patrimonios musicais do mundo nesta segunda edición do Festival dos Abrazos. Presenta un repertorio de zanfona en directo ás 13:00 e ás 20:00 horas. Saraibas, Os Cempés, bOnOvO, Dúo Fdz.-Quintá ou Doa son algunhas das formacións nas que toca ou tocou, polo que a súa colaboración cos nomes máis coñecidos da música folk e tradicional é constante. A maioría do seu traballo ten unha conexión coas músicas antiga e popular de Galicia e do resto de Europa, abordadas como campo de investigación e experimentación.

Para os máis pequenos haberá a partir das 11:30 horas un obradoiro infantil no parque de Vista Alegre. Nesta ocasión animarase ás nenas e nenos que queiran participar a facer traxes fantásticos dos seus personaxes de ficción favoritos. Pode efectuarse a inscrición previamente a través do correo electrónico afernandez@sgae.es e nos teléfonos 981 581 821 e 981 560 082.

Compartir: