CULTURA

A Orquesta Chekara de Tetuan e os Jóvenes Flamencos protagonizan un novo encontro entre culturas na praza da Quintana

26/08/2009 O Festival dos Abrazos segue provocando na súa recta final encontros entre disciplinas, entre o patrimonio monumental da cidade e a arte e entre culturas. O xoves 27, a praza da Quintana será o escenario dunha das actuacións destacadas desta segunda edición do festival, a da Orquesta Chekara de Tetuan cos Jóvenes Flamencos.

Os que se acheguen á QuIntana poderán escoitar a unha das formacións de música andalusí con máis traxectoria de Marrocos, que integra un grupo de músicos, bailaores e cantaores andaluces para recuperar as orixes andalusís do flamenco. Esta simbiose supón un desafío ás barreiras marcadas polo estreito de Xibraltar. Marrocos e Andalucía, dous pobos e dúas culturas diferentes e á vez próximas procuran un espazo común a través deste proxecto.

A orquestra Chekara de Tetuán foi fundada en 1958 por Abdessadak Chekara, violinista e cantante marroquí, gran mestre da música andalusí. Naceu coa intención de buscar un punto de identidade entre o Al-Ala (música andalusí) e o flamenco. O herdeiro e director da orquestra na actualidade, Jallal Chekara, traballa para manter as orixes jondas do proxecto que o seu tío iniciara con José Heredia. Para isto conta coa colaboración de catro artistas flamencos novos: Alicia Acuña, Vicente Gelo, Raúl Cantizano e Ángeles Gabaldón. A través das súas súas colaboracións musicais con artistas de renome como Enrique Morente, Michael Nyman e Sir Yehudi Menuhin, a Orquesta Chekara goza dun gran recoñecemento internacional.

Diálogos culturais con Brasil, Xapón e Chile
Os espazos singulares de Compostela dialogarán tamén na xornada do xoves 27 coas culturas de Brasil, Xapón e Chile. O Trío Swing Brasil dá o seu terceiro e último concerto no Festival dos Abrazos ás 20:30 horas na praza de Feixoo, dentro da programación do Feito a Man. Formado por tres excelentes músicos -Jurandir Santana, Marcio Dhiniz e Vaudí-, interpreta o seu último traballo, Brasileando, que recolle unha ampla variedade dos ritmos tradicionais brasileiros.

Tras o éxito das primeiras exhibicións da sección máis arriscada do festival, os Abrazos Off entran tamén na súa recta final. Esta vez será a soprano xaponesa Makiko Kitago a que terá a oportunidade de amosar a súa nova proposta artística. Presenta ás 23:00 horas, na praza de Abastos, Hashi Fest, un espectáculo multidisciplinar de difícil clasificación, a través do que intenta trazar unha ponte de Galicia ao Xapón. Haberá música, proxeccións de fotografías, queimada e lumes artificiais xaponeses.

Dende Chile chega unha nova cara do mundo circense internacional abordado dende a perspectiva do clown. A Compañía de Teatro Gestual de Chile actúa en dobre sesión na praza de Abastos, ás 12:00 e ás 18:30 horas, cun espectáculo cargado de imaxinación, a través do que descubrir os obstáculos fatais do labirinto da cidade.

Último concerto comando e laboratorio folque
Noutra xornada ateigada de actividade, dous momentos do día achegarán as propostas propias do país. Por unha banda, o coro máis coñecido de Compostela, o da Rá, realizará o seu último Concerto Comando dentro do Festival dos Abrazos na rúa de San Paio de Antealtares ás 21:30 horas. Como acotío, camuflaranse entre os viandantes para comezar a cantar de súpeto e sorprender co seu animado repertorio de soul, blues, jazz e pop.

Por outra banda, a Aula Folque Infantil de Pontevedra presenta Cidades imaxinarias, o resultado do curso que os máis pequenos desenvolven no Laboratorio de Sons da escola experimental asociada ao Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque. Constitúe unha oportunidade única para ver danza, teatro, música, videocreación, canto e improvisación libre feita por intérpretes de entre 6 e 14 anos de idade. Este proxecto, que reflexiona de xeito irónico sobre o comportamento do ser humano nos seus espazos cotiás, é o terceiro traballo da Aula Folque Infantil de Pontevedra logo de Circus AFI (2007) e Morfasóns (2008).

Ademais, a última sesión do Curtocircuíto na Rúa, èm]Volta ao mundo II, traza unha viaxe por América e Europa a través de curtametraxes de ficción, animación e documentais de 2008. A partir das 22:30 horas proxéctanse na praza do Toural os seguintes títulos: Lila, El empleo, Panca Popolare Italiana, The Luv Race, Peau Neuve, Post-it love, Rif, Os sapatos de Aristeu e Café Paraíso.

Completa o apartado audiovisual a proxección de Cycling for peace, de Armando da Rita da Silva, ás 21:30 horas na ruela de Xerusalén, dentro das actividades programadas pola Fundación Araguaney Puente de Culturas para achegar Compostela a Palestina. Este documental retrata a aventura dun grupo de mozos que decide facer uso das súas bicicletas e o seu espírito loitador para facer oír as súas voces e atraer a atención mediática cara á situación en Oriente Próximo.

Compartir: